Villaverde destaca a importancia dos avances tecnolóxicos no sector do mar durante o IV Foro Azul do Festival Mar de Mares
Na edición deste ano, este referente no debate especializado sobre a realidade marítimo-pesqueira céntrase na transformación dixital e innovación tecnolóxica
A conselleira do Mar destaca as iniciativas impulsadas pola Xunta para a innovación e desenvolvemento tecnolóxico do sector
A Coruña, 11 de xuño de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou esta mañá o IV Foro Azul, celebrado no marco do Festival Mar de Mares no Espacio Avenida Abanca, na Coruña. Nel, a responsable autonómica resaltou os avances tecnolóxicos do sector marítimo galego e as novas iniciativas que se están implementando desde a Xunta de Galicia para o proceso de transición dixital e tecnolóxica.
Durante o evento, Villaverde salientou a importancia da innovación tecnolóxica na realidade marítimo-pesqueira e a necesidade de manter o equilibrio da entre a preservación do medio mariño e a rendibilidade económica. Destacan iniciativas pioneiras no sector coma MaruxIA, o proxecto Lonxas Galegas 4.0, ou o Plan Estratéxico de Observación Mariña. Estes proxectos, son “unha ferramenta excepcional para consolidar unha auténtica Economía Azul, forte e puxante”, afirmou.
Por outra banda, sobre outro dos asuntos que se abordaba no foro, a acuicultura, a conselleira do Mar incidiu na importancia deste sector estratéxico e que "está chamado a xogar un papel moi relevante no autoabastecemento dos mercados comunitarios de produtos mariños”, xa que produce alimentos “saudables, de alta calidade e, ademais, cunha pegada de impacto ambiental moi baixa”.
O IV Foro Azul
Na súa intervención, a conselleira tamén aproveitou para felicitar á Asociación “Redes de Sal”, organizadores do Mar de Mares, por ser recentemente seleccionado coma finalista polo prestixioso programa “Líderes Culturales” entre máis de 100 acontecementos culturais en todo o país.
Este evento reúne a algunhas das voces mais relevantes do sector marítimo. Nesta xornada inicial analizouse a transformación dixital e a IA aplicada ó mar, a evolución da gastronomía e pesca sostible galega, o desenvolvemento do patrimonio marítimo en espazos de cultura, deporte e benestar, e o futuro da acuicultura sostible.