A Xunta licita hoxe o proxecto da Variante Leste de Viveiro, cun orzamento de máis de 391.000 euros
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explica que as empresas teñen de prazo ata o 16 de xullo para presentar ofertas e a previsión é iniciar a redacción do documento no último trimestre do ano
Viveiro (Lugo), 11 de xuño de 2026
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas publicou hoxe a licitación do contrato de servizo para a redacción do proxecto construtivo da variante leste de Viveiro, por un investimento de máis de 391.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, sinalou que o obxectivo é iniciar a redacción do documento no último trimestre deste ano; explicou que as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 16 de xullo e o prazo máximo de execución será de cinco meses.
Villares destacou a vontade do Goberno autonómico de impulsar esta infraestrutura, aproveitando os tempos de licitación do proxecto para culminar o estudo informativo e ambiental, en fase de presentación de alegacións ata o vindeiro luns día 15. Neste sentido, indicou que “os prazos de ambos trámites son totalmente compatibles, e claramente o proxecto desenvolverá o citado estudo informativo”.
O proxecto construtivo recollerá a solución técnica para executar a conexión entre a vía de alta capacidade (VAC) Costa Norte coas estradas LU-540 e LU-862 salvando a ría e o núcleo de Viveiro.
En concreto, terá un percorrido de 6,2 quilómetros, desde a glorieta de conexión na LU-540 no comezo da travesía da localidade ata a glorieta de inicio do corredor Celeiro- San Cibrao, ao cal se dá continuidade. O orzamento inicial previsto nesta actuación roldará os 40 millóns de euros, financiados integramente con fondos autonómicos.
O delegado territorial lembrou que se trata da alternativa con menor impacto para vertebrar as comunicacións nesta contorna de grandes valores naturais, reducindo o volume de tráfico na zona urbana e no tramo periurbano ata Celeiro.