O servizo de Atención e Información á Cidadanía 012 recibiu o ano pasado máis de 833.000 interaccións entre chamadas, correos, mensaxes, aplicacións e outras vías

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, puxo en valor o traballo realizado desde a sede no Pereiro de Aguiar para canalizar as peticións da cidadanía sobre unha trintena de servizos da Xunta

Destacou que se trata dun servizo consolidado e de referencia con outras case 298.000 interaccións rexistradas no primeiro cuadrimestre deste ano

O Pereiro do Aguiar (Ourense), 11 de xuño de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe as instalacións do servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012 no Pereiro do Aguiar. Definiu este servizo como “a porta de entrada para que a cidadanía poida comunicarse coa Administración autonómica” e realizar consultas ou xestións de maneira inmediata en ámbitos tan variados como emprego, formación, agro, vivenda, turismo, mocidade, emprego ou xestión de expedientes de discapacidade ou dependencia.

Diego Calvo incidiu en que o 012 centraliza actualmente a xestión dunha trintena de servizos telefónicos da Xunta, a través de 22 liñas e outros números específicos. O actual contrato vixente desde 2024 conta cun investimento case catro millóns de euros por dúas anualidades para contribuír a manter esta centralización que, desde a súa posta en marcha en 2011, supuxo unha xestión máis eficiente en comparación co anterior funcionamento de cada un destes teléfonos de xeito independente.

O ano pasado este servizo rexistrou máis de 833.000 interaccións, a maioría delas -máis de 660.000- por vía telefónica, pero tamén se inclúen correos electrónicos, formularios web; a aplicación IRV dispoñible para permisos de queimas, para a renovación de tarxeta de emprego ou para a cita nas oficinas de emprego; mensaxes SMS para as citas de discapacidade e dependencia e o chatbot e o axente virtual habilitados no servizo de velutina. No primeiro cuadrimestre deste ano, o número de interaccións achégase ás 298.000.

Nesta liña, cómpre aclarar que ademais da atención telefónica, o 012 conta cun servizo de videointerpretación en linguaxe de signos, que garante o acceso á información en condicións de igualdade para as persoas xordas ou con discapacidade auditiva. Trátase dun servizo en constante actualización a través das melloras tecnolóxicas incorporadas nos últimos anos na xestión do servizo.

Por outra parte, o conselleiro lembrou que, no que se refire ao servizo para avisar da presenza de niños de avespa velutina, ademais das chamadas ao 012, hai outras dúas vías para realizar os avisos que funcionan as 24 horas os 365 días do ano: un chatbot e un robot virtual. O ano pasado atendéronse máis de 39.200 avisos que derivaron na retirada de máis de 24.500 niños. Xunto cos avisos que dan como resultado a eliminación ou neutralización de niños, noutros casos os avisos corresponderon con niños inactivos, outros nos que non procede actuación porque están situados en zonas onde non se poden visualizar de maneira directa, niños doutras especies distintas da avespa velutina ou niños duplicados que xa foron obxecto doutros avisos recibidos previamente.

Teléfonos integrados

Na actualidade están integrados no 012 as seguintes liñas: atención á cidadanía (información xeral; información particular, queixas e suxestións; incidencias e citas de rexistros), demandantes de emprego, empregadores, cita previa do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), información sobre reclamacións de factura eléctrica, información ao agro galego, queimas, aproveitamentos leñosos, servizo de velutina, listas de contratación, procesos selectivos, información Xove, información afectivo-sexual Quérote+, voluntariado, información turística, información á vivenda, Galicia Litoral: procedementos de autorizacións ou de concesións no litoral, emprego autónomo e canle+65 para persoas de maiores de 65 anos.

A estas liñas súmanse outros servizos e teléfonos específicos con información especializada sobre a muller, a infancia, a área social, a valoración na área de dependencia e o recoñecemento de discapacidade, así como liña do Arco da Vella e atención integral en materia de LGTBIfobia e o teléfono 065 para xestionar o transporte do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2026