A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou esta mañá na xornada de presentación da nova unidade mixta de investigación
A Xunta apoia en Ourense a alianza entre a Universidade de Vigo e as empresas Coren e Sertogal para avanzar na dixitalización do sector avícola
Esta alianza entre universidade e empresas está dotada cun orzamento de 4,4 M€ ata 2028, cofinanciada con 1,8 M€ de fondos europeos, para abordar os principais desafíos da avicultura galega mediante I+D+i
Esta unidade mixta de investigación, con sede en Ourense, traballará en tres liñas: alimentación sostible e de precisión, tecnoloxías avanzadas de control de calidade e procesos de economía circular e eficiencia enerxética
Sostenave é unha das dez unidades apoiadas na última convocatoria resolta pola Xunta de Galicia, a única na provincia de Ourense
Ourense, 11 de xuño de 2026
A alianza entre a Universidade de Vigo e as empresas Coren e Sertogal apoiada pola Xunta con 1,8 M€ centrarase en desenvolver solucións científico-tecnolóxicas que optimicen todo o proceso produtivo no sector avícola, dende a granxa ata os produtos finais. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou esta mañá na apertura da xornada de presentación desta unidade mixta de investigación Sostenave no Campus de Ourense. Ao acto tamén asistiron o reitor, Manuel Joaquín Reigosa, o vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo, investigadores do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e do Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial da UVigo e representantes da empresa.
A directora da Axencia destacou o a importancia deste instrumento, as unidades mixtas de investigación, na transferencia do coñecemento ao tecido produtivo, contribuíndo así á competitividade de sectores estratéxicos para Galicia, como o agrolimentario. De feito, lembrou que dende a primeira edición, esta liña de axudas leva apoiadas 64 unidades mixtas nas que participaron 52 empresas e 16 centros de coñecemento galegos mobilizando máis de 180 M€.
Tecnoloxías avanzadas para granxas
Esta unidade mixta de investigación, que servirá para incorporar tecnoloxías dixitais avanzadas ás granxas e optimizará procesos produtivos para contribuír á sustentabilidade e calidade da avicultura de carne galega, conta cun orzamento total de preto de 4,4 M€ e é unha das dez apoiadas na última convocatoria e a única na provincia de Ourense. A Xunta achega 1,8 M€ a través de fondos europeos do programa Galicia Feder 21-27. A través desta colaboración público-privada perséguese abordar dun xeito integral os principais retos do sector, desde a nutrición e o manexo na granxa ata o procesado e a valorización de subprodutos, incorporando a economía circular, a eficiencia enerxética e as tecnoloxías dixitais avanzadas. Deste xeito, Sostenave pretende impactar directamente na competitividade e resiliencia do sector agroalimentario galego, contribuíndo á súa descarbonización, ao uso eficiente dos recursos e á oferta de alimentos máis seguros, saudables e de alto valor engadido.
Para isto conta coa experiencia do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da Universidade de Vigo, que lideran o consorcio; o papel tractor de Coren, que identifica as necesidades reais da industria, aporta unha contorna de validación e garante a aplicabilidade e a transferencia dos resultados, e os coñecementos de Sertogal, peme ourensá especializada en solucións de dixitalización e modelización avanzada aplicadas a procesos industriais e agroalimentarios.