A Xunta salienta a contribución do emprendemento das persoas emigrantes retornadas ao tecido socioecomómico da comunidade

Vigo, 11 de xuño de 2026

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe en Vigo no Encontro de talento retornado, unha actividade do Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño. Trátase dunha iniciativa orientada á conexión, ao intercambio de experiencias e á xeración de sinerxías entre persoas emigrantes retornadas que emprenden e beneficiarias da Estratexia Galicia Retorna e outras persoas procedentes do estranxeiro con interese en emprender en Galicia. Alí Marta Mariño destacou como exemplo de emprendemento retornado a cafetería La Madrina, que acolleu o encontro.

Ademais, destacou a utilidade desta actividade para coñecer de primeira man e con casos prácticos as oportunidades de emprendemento que brinda Galicia e ao mesmo tempo o potencial do talento retornado para a comunidade galega, xa que enriquece o tecido económico e social do territorio. Lembrou tamén que esta iniciativa se inclúe entre as máis dun cento de actividades do Polo do Porriño, que é unha das tres oficinas da rede situadas na provincia de Pontevedra. Este Polo leva atendidos máis de 1.000 proxectos e realizado máis de 2.200 sesións de titoría gratuítas e individualizadas coas persoas emprendedoras que acudiron ás instalacións (un 55 % delas mulleres) adaptándose ás fases concretas dos seus proxectos. Ademais, o seu labor leva contribuído á creación de máis de 50 empresas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2026