A Xunta somete a información pública o proxecto da senda peonil da PO-551 en Bueu
O orzamento supera os 875.000 euros e permitirá crear unha alternativa de ocio saudable para peóns e ciclistas
O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta coa mobilidade sostible e saudable
Bueu (Pontevedra), 11 de xuño de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá o concello de Bueu para dar conta da saída a información pública do proxecto da nova senda peonil e ciclista na estrada PO-551.
O Consello da Xunta deu luz verde o pasado luns á aprobación provisional desta actuación, que está a ser sometida a información pública e que conta cun investimento superior aos 875.000 euros.
O proxecto permitirá reforzar a conexión entre as praias de Lapamán, Portomaior e Agrelo e os núcleos de poboación da contorna mediante a creación dun itinerario de uso mixto para peóns e ciclistas non deportivos ao longo de máis de 1,4 quilómetros.
A intervención desenvolverase en dous treitos. O primeiro discorrerá entre a glorieta de acceso á praia de Lapamán e a rotonda de Cela, conectando coas sendas xa existentes. O segundo continuará desde a contorna da rotonda de Cela ata a intersección coa estrada EP-1304 e o acceso ás praias de Portomaior e Agrelo.
A nova senda terá unha anchura aproximada de 2 metros e executarase en formigón bicapa. Ademais, prevese a construción de muros de contención en varios treitos para minimizar o impacto das obras e garantir a integración da actuación na contorna.
O proxecto inclúe tamén actuacións complementarias destinadas a incrementar a seguridade e a comodidade das persoas usuarias, como a mellora da drenaxe, a renovación da sinalización vertical e horizontal, a adecuación dunha parada de autobús con marquesiña, a instalación de varandas nas zonas con desniveis, a colocación de bancos e dun sistema de iluminación, así como a execución de canalizacións para futuras infraestruturas de telecomunicacións.
O delegado territorial destacou que esta actuación permitirá seguir avanzando na creación dunha rede de itinerarios seguros e accesibles, favorecendo os desprazamentos a pé e en bicicleta, mellorando a conexión entre os núcleos de poboación e os espazos de lecer e contribuíndo á dinamización social e turística do municipio.