Celebrarase o 19 de xuño en Ribadeo
A Xunta impulsa en Ribadeo a celebración do foro ‘España Verde: un destino de calidade’ para reforzar a oferta turística da mariña luguesa
Busca analizar o papel dos territorios ante os novos retos climáticos e como afectan aos modelos turísticos, para o que se desenvolverán distintas mesas e debates
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participará no foro ‘España Verde: Un destino de calidade’ que terá lugar o próximo venres, 19 de xuño, no Real Club Náutico de Ribadeo, nunha xornada que incluirá mesas, debates e unha visita a espazos turísticos destacados da zona.
Esta actuación planéase como espazo de análise dos territorios da España Verde, a marca territorial que abrangue Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. Nel exploraranse os novos retos climáticos, como afectan á sustentabilidade e á evolución dos modelos turísticos -especialmente tendo en conta o carácter de refuxio climático que están a adquirir os territorios da marca- cara a un marco sostible e respectuoso co medio ambiente e a poboación local.
No encontro prevese que participen representantes institucionais, profesionais do sector e outros axente estratéxicos relacionados coa artesanía, calidade alimentaria e o Xacobeo.
Durante a sesión da mañá realizaranse dúas mesas redondas, baixo as claves ‘España Verde’ e ‘Galicia Calidade’, así como un relatorio maxistral que terá como eixo ‘A Mariña como destino’. Pola tarde, desenvolverase unha ruta turística por enclaves naturais e patrimoniais da Mariña.
España Verde
España Verde é a marca territorial lanzada en 1989 por Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, co apoio de Turespaña, baixo a que se busca poñer en valor os recursos turísticos da zona: 14 Reservas da Biosfera da UNESCO, 25 parques naturais, case 2.000 quilómetros de costa e 2.800 aloxamentos rurais.
Na súa estratexia para 2026, a marca quere apostar pola promoción en mercados de longa distancia, como o americano e o asiático, ademais de reforzar o traballo nos europeos. Estase tamén a avanzar na súa estratexia dixital, coa que se sumarán novas funcionalidades e fórmulas de comunicación dixital.