A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López, asistiu ao acto de graduación da XIV Promoción de Graduados en Enfermería da Escola Universitaria de Enfermería da Coruña

A Xunta salienta as oportunidades de incorporación e desenvolvemento profesional dos novos enfermeiros no sistema sanitario público galego

A directora xeral subliña o papel vertebrador da enfermería na sanidade pública galega, que hoxe conta con máis de 13.000 profesionais

Sinala que eses profesionais constitúen unha rede humana que garante “coidados continuados, atención segura e acompañamento constante”

O Servizo Galego de Saúde celebrou entre abril e maio oposicións para o acceso a máis de 2.200 prazas fixas

A Coruña, 12 de xuño de 2026

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López, asistiu hoxe ao acto de graduación da XIV Promoción de Graduados en Enfermería da Escola Universitaria de Enfermería da Coruña, un acto no que destacou as oportunidades de incorporación e desenvolvemento profesional dos novos enfermeiros do sistema sanitario público galego.

No acto, ao que tamén acudiu o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, a directora xeral salientou o “papel vertebrador” da enfermería na sanidade pública galega, que hoxe conta con máis de 13.000 enfermeiras e enfermeiros, constituíndo unha rede humana que garante “coidados continuados, atención segura e acompañamento constante”, subliñou.

Nas súas palabras ante os graduados, Sofía López resaltou que a enfermería fai posible un sistema sanitario eficaz e “tamén profundamente humano”.

Ademais, de cara á incorporación ao mundo laboral desta promoción, a directora xeral resaltou o traballo da Xunta na estabilidade dos profesionais. Así, o Servizo Galego de Saúde celebrou entre abril e maio oposicións para o acceso a máis de 2.200 prazas fixas de distintas especialidades de enfermería.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2026