Diego Calvo preside a reunión do padroado da Fundación Galicia Europa coa incorporación das deputacións de Ourense e Pontevedra

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu hoxe a reunión do padroado da Fundación Galicia Europa (FGE), no que tamén participaron a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo; e o director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío.

Á xuntanza tamén asistiron os presidentes das deputacións de Ourense, Luis Menor (telematicamente), e Pontevedra, Luis López, para aceptar os seus novos cargos no padroado. Así mesmo, tomouse coñecemento do cambio na presidencia da Deputación de Lugo, que pasa a ser asumida por Carmela López.

Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa é un ente instrumental do sector público autonómico que, dende 1988, actúa como punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos. A Lei 10/2021 reguladora da acción exterior de Galicia recolle o seu mandato para "exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado”. Conta con dúas oficinas, unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas. Esta última forma parte das máis de 200 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2026