Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19.30 h. de hoxe

Activo un incendio no concello lucense de Xermade, parroquia de Roupar, que segundo as últimas estimacións supera as 20 hectáreas de superficie afectada

Estabilizado e desactivada a Situación 2 no incendio forestal de Padrón, parroquia de Herbón, que afecta 350 hectáreas, segundo as últimas estimacións

Tamén foi desactivada esta tarde a Situación 2 no lume de Boborás, parroquia de Moreiras, que permanece activo e que afecta arredor de 230 hectáreas

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 19.30 horas de hoxe luns.

A CORUÑA

Estabilizado Padrón-Herbón. Desactivada Situación 2

Permanece estabilizado, desde as 10.56 horas de hoxe luns, o lume rexistrado no concello de Padrón, parroquia de Herbón, no que tamén se desactivou a Situación 2 que fora declarada o pasado sábado, día 13, pola proximidade do incendio aos núcleos de Cruxeiras de Abaixo e Sobrerribas.

O incendio iniciouse ás 16.01 horas do venres, día 12, e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 350 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 7 técnicos, 76 axentes, 109 brigadas, 76 motobombas, 5 pas, 9 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 7 avións.

LUGO

Activo Xermade-Roupar

Está activo, desde as 14.51 horas de hoxe, un lume no concello de Xermade, parroquia de Roupar, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie que supera as 20 hectáreas. Para a extinción deste incendio mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 5 axentes, 8 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 4 helicópteros e 5 avións.

OURENSE

Activo Boborás-Moreiras. Desactivada Situación 2

Segue activo, desde as 21.55 horas do sábado día 13, o incendio do concello de Boborás, parroquia de Moreiras, no que esta tarde foi desactivada a Situación 2 que fora declarada onte domingo pola súa proximidade ao núcleo de Vecoña. Segundo as últimas estimacións, o incendio afecta unha superficie de 230 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 4 técnicos, 25 axentes, 51 brigadas, 31 motobombas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 pas, 6 helicópteros e 10 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 15/06/2026