A Xunta realizou no primeiro semestre na Academia Galega de Seguridade Pública máis de 250 cursos con máis de 7.500 prazas para efectivos de forzas e corpos de seguridade e de servizos de emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu o Consello Reitor da Agasp

A Academia mantén unha aposta continua pola formación e a actualización dos coñecementos do persoal da Policía Local, da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia, Policía Nacional e da Garda Civil así como dos efectivos dos servizos como Protección Civil, Grupos de Emerxencias Supramunicipais, servizos de extinción de incendios e socorristas

A Estrada (Pontevedra), 16 de xuño de 2026

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe o Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) no que se fixo balance das actividades de formación continua do primeiro semestre, tanto as dirixidas a membros dos corpos e forzas de seguridade que traballan en Galicia como ao persoal dos servizos de emerxencias. Así, durante o primeiro semestre deste ano leváronse a cabo máis de 250 cursos que suman case 11.500 horas e nos que houbo máis de 7.500 participantes. Para todo o exercicio están previstos 530 cursos de case 21.000 horas e con máis de 17.800 prazas.

En concreto, no eido da seguridade o plan de formación continua da Agasp para este exercicio entre xaneiro e xuño realizáronse arredor de 130 actividades formativas de máis de 7.200 horas con máis de 3.200 prazas reservadas para axentes da Policía Local, da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), da Policía Nacional e da Garda Civil, así como das organizacións sindicais policiais, entre outros.

Canto aos contidos, hai módulos de intervención, operativa e tiro policial, apoio e acompañamento a mulleres vítimas de violencia de xénero ou avaliación e tratamento de menores vítimas de violencia sexual, así como cursos distintos niveis de lingua inglesa ou formación en ámbitos como caza e pesca e medio ambiente en xeral, protección de datos, ciberdelincuencia, incendios forestais e urbanos, patrimonio cultural e Camiño de Santiago, rescates en espazos naturais ou acuáticos, urbanismo, seguridade viaria, mobilidade eléctrica e vehículos con enerxías alternativas ou manexo de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA), escopeta policial ou extintores, entre outros.

Cómpre engadir que na Academia tamén se están a formar máis dun cento de futuros axentes que integran a 18ª promoción de Policía Local que tras o primeiro semestre de formación teórica nos meses de verán realizan prácticas nos seus concellos de orixe. Tamén entre xaneiro e xuño leváronse a cabo catro edicións dos cursos de auxiliar de Policía Local para proporcionarlles a estes profesionais a formación teórica e práctica que os capacite para o desenvolvemento das súas funcións. Trátase de cursos presenciais e cunha duración de 24 horas lectivas e con 60 prazas cada un.

Por outra parte, na reunión de hoxe tamén se avaliaron os convenios de colaboración ao abeiro dos que a Xunta, a través da Agasp, realiza os procesos selectivos unitarios do persoal de Policía Local ao ceder os concellos esta competencia no Goberno galego. Así, dos 126 municipios galegos con corpo de Policía Local, máis do 80% -incluíndo as sete cidades galegas - encomendan á Academia a selección dos seus axentes e neste primeiro semestre uns 40 renovaron os seus acordos.

Nesta liña, xa remataron os procesos selectivos para cubrir 90 vacantes de auxiliares de Policía Local e outras 12 de oficial de Policía Local e realizáronse 22 chamamentos para nove concellos da listaxe de auxiliares. Ademais, actualmente están en tramitación as oposicións para optar a 129 prazas -105 por quenda libre e 24 por provisión por mobilidade- da categoría de Policía Local e outras oito prazas de inspector.

Formación en emerxencias

Por outra parte, máis de 4.300 traballadores dos servizos de emerxencias participaron no primeiro semestre nas 126 accións formativas con case 4.200 horas lectivas programadas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como servizos de emerxencias municipais, axentes medioambientais e forestais e persoal de socorrismo.

Destacan especialmente os cursos relacionados coa atención ás vítimas de violencia de xénero, a utilización de Google Earth en emerxencias, o rescate en lugares de difícil acceso e a organización de eventos multitudinarios, así como de apertura de portas, intervención en espazos confinados, técnicas de excarceración e intervención con vehículos especiais, e a formación vinculada á prevención e defensa contra incendios forestais.

Ademais, a formación descentralizada permitiu achegar a capacitación a distintos territorios de Galicia mediante 26 edicións formativas. Neste apartado sobresae a incorporación do novo curso sobre prevención e actuación en incidencias con vehículos eléctricos e híbridos, unha das novidades máis relevantes da programación de 2026, adaptada aos riscos emerxentes derivados da mobilidade eléctrica.

Tanto no eido da seguridade pública como no de emerxencias, destaca a aposta pola  combinación da formación presencial, semipresencial e en liña co obxectivo de chegar a máis persoas interesadas na formación e facilitarlles así a participación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/06/2026