A Consellería do Medio Rural salienta a relevancia da promoción e da identificación da IXP Pataca de Galicia entre os consumidores
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria púxoo en valor hoxe durante a presentación da campaña de promoción desta Indicación Xeográfica Protexida
No transcurso do acto tamén se deron a coñecer os resultados da campaña 2025, na que se viu incrementada tanto o número de produtores inscritos, pasando de 80 a 85, como a superficie amparada, que medrou de 597 a 649 hectáreas
A comercialización certificada rozou os seis millóns de quilos de pataca, e o valor económico ascendeu ata os 4,18 millóns de euros
Alemparte destacou que estes datos poñen de relevo a fortaleza dunha figura de calidade diferenciada que achega garantías ao consumidor e valor ao produtor, ao tempo que contribúe a reforzar o posicionamento da pataca galega no mercado
Neste sentido, enmarcou tanto a campaña de promoción como os resultados acadados na aposta continuada da Xunta de Galicia pola calidade diferenciada como unha ferramenta estratéxica para reforzar a competitividade do sector agroalimentario
Ourense, 16 de xuño de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiron hoxe á presentación da campaña de promoción da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, unha iniciativa orientada a reforzar o coñecemento e a identificación deste selo de calidade diferenciada entre os consumidores.
No transcurso do acto tamén se deron a coñecer os resultados da campaña 2025 desta IXP, que continúa consolidando a súa presenza dentro das producións agroalimentarias galegas de calidade diferenciada. Así, no último exercicio incrementouse tanto o número de produtores inscritos, pasando de 80 a 85, como a superficie amparada, que medrou de 597 a 649 hectáreas.
Ademais, a comercialización certificada acadou case os seis millóns de quilos de pataca, fronte aos cinco millóns do ano anterior, o que supón un incremento superior ao 13 %. Este crecemento tamén se viu reflectido no valor económico da produción comercializada, que ascendeu ata os 4,18 millóns de euros, fronte aos 3,15 millóns rexistrados en 2024.
Alemparte destacou que estes datos poñen de relevo a fortaleza dunha figura de calidade diferenciada que achega garantías ao consumidor e valor ao produtor, ao tempo que contribúe a reforzar o posicionamento da pataca galega no mercado.
Neste sentido, enmarcou tanto a campaña de promoción como os resultados acadados na aposta continuada da Xunta de Galicia pola calidade diferenciada como unha ferramenta estratéxica para reforzar a competitividade do sector agroalimentario. Así, salientou que figuras como a IXP Pataca de Galicia permiten identificar e valorizar producións vinculadas ao territorio, garantindo a súa orixe, trazabilidade e calidade, ao tempo que achegan confianza aos consumidores e maior valor engadido aos produtores.