A Fiscalía Superior de Galicia incorpórase á rede de concellos contra o acoso escolar que xa conta con 106 municipios adscritos

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP e a Fiscal Superior de Galicia asinan un convenio de colaboración neste eido, que é unha “prioridade de país

Román Rodríguez destaca que a rede, impulsada pola Xunta en colaboración coa Fegamp, é un exemplo da suma de esforzos na loita contra esta lacra

Estase a ultimar o decreto de funcionamento da mesma co fin de que as primeiras iniciativas se poñan en marcha xa o vindeiro curso

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026

A Fiscalía Superior de Galicia incorpórase á Rede de Concellos contra o Acoso Escolar impulsada pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) coa finalidade de loitar contra o acoso escolar a través de iniciativas cooperativas e integrais que reforcen a capacidade de resposta ante estas situacións.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a fiscal superior de Galicia, María del Carmen Eiró, asinaron hoxe un convenio de colaboración neste eido que se vén a sumar ao amplo abano de accións que o Goberno galego está desenvolvendo neste eido. Na sinatura tamén estivo presente a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

A día de hoxe xa hai 106 concellos adscritos a esta rede, que representa a importancia de sumar esforzos na loita contra esta lacra cuxa erradicación “é unha prioridade de país”, subliñou o titular de Educación, que expresou o obxectivo é ofrecer “unha resposta eficaz e efectiva, non só desde o sistema educativo, senón de todo o entramado institucional a través das responsabilidades compartidas que temos”, posto que os casos de acoso moitas veces están relacionados con outros aspectos como o absentismo escolar ou problemáticas máis amplas. “Un reto complexo que precisa da participación de todos nós: administracións públicas, Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, institucións, centros educativos, docentes, familias e alumnos”, abondou.

Non en balde, para a dinamización da Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, nestes momentos estase preparando un decreto para a creación dos órganos autonómico e provincial para impulsar as primeiras iniciativas xa desde o vindeiro curso. 

Coordinación, formación e prevención

A colaboración coa Fiscalía permitirá fortalecer a coordinación entre institucións e entidades locais para previr, detectar e abordar de maneira eficaz os casos de acoso e ciberacoso no ámbito escolar, establecer un seguimento continuado dos posibles casos, ofrecer apoio aos centros ante estas situacións, promover a prevención, fomentar a formación e tamén impulsar estratexias de detección temperá.

Ao abeiro do convenio, a Consellería comprométese a promover unha formación integral dirixida aos profesionais dos sectores da educación, sanidade, servizos sociais e persoal dos concellos adheridos á Rede. Pola súa banda, a Fiscalía Superior de Galicia poñerá á disposición o seu coñecemento e experiencia ao servizo do conxunto das institucións implicada. Neste senso, participará na formación especializada, difundirá boas prácticas e iniciativas de prevención e promoverá intervencións extraxudiciais restaurativas cando proceda.

O Goberno galego leva anos traballando a prol da convivencia nos centros escolares cun amplo abano de iniciativas que se foron intensificando nos últimos cursos e que se reflicten en actuacións específicas como o Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar, a actualización do protocolo que se debe seguir nestes casos, a prohibición do uso dos móbiles nos recintos escolares, a instalación de Puntos Laranxa, a creación de Equipos ACAE de actuación contra o acoso escolar, a ferramenta Termómetro Acoso Escolar ou o Plan de benestar dixital, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2026