O conselleiro de Sanidade, acompañado polo xerente da área sanitaria da Coruña e Cee e as directoras dos tres institutos de investigación sanitaria galegos, interveu na Xornada BiointegraSaúde que se celebra no CHUAC
Gómez Caamaño destaca que Galicia é un referente internacional en investigación sanitaria grazas á capacidade dos seus tres institutos
O titular de Sanidade remarca que a Xunta aposta decididamente polo talento investigador, creando as condicións necesarias para que poida desenvolverse e consolidarse en Galicia
Subliña medidas pioneiras do Executivo galego, entre as que refire a creación da categoría profesional estatutaria específica para o persoal investigador sanitario
Considera estratéxica a decisión da Xunta de ter integrado no sector público os tres institutos galegos de investigación sanitaria
Felicita ás tres directoras científicas dos institutos galegos e a todos os investigadores polo seu labor, que vai máis alá do estrito deber profesional
A Coruña, 18 de xuño de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe que, na actualidade, Galicia é un referente internacional en investigación sanitaria e biotecnoloxía grazas á capacidade dos seus tres institutos.
O titular da carteira sanitaria, acompañado polo xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, inaugurou a Xornada BiointegraSaúde que se celebra n9 Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. No acto estiveron presentes, así mesmo, as directoras científicas dos tres institutos de investigación sanitaria de Galicia, Mar Castellanos (Instituto de Investigación Biomédica da Coruña), Luz Couce (Instituto de Investigación sanitaria de Santiago de Compostela) e Eva Poveda (Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur).
Na súa intervención, o conselleiro subliñou que a Xunta aposta decididamente polo talento investigador, creando as condicións necesarias para que poida desenvolverse e consolidarse en Galicia.
Ao respecto, Gómez Caamaño destacou diversas medidas pioneiras postas en marcha polo Goberno galego, entre as que sinalou a creación da categoría profesional estatutaria específica para o persoal investigador sanitario, o impulso de convocatorias extraordinarias de emprego e, ademais, a formalización de convenios colectivos que contribúen a reforzar a estabilidade destes profesionais.
O máximo responsable do Sergas considerou estratéxica a decisión de integrar os tres institutos galegos no sector público. Grazas a esta medida, naceu unha potente rede investigadora que multiplica os recursos, conecta o coñecemento e acelera as solucións.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro felicitou ás tres directoras científicas dos institutos galegos e a todos os investigadores polo seu labor, que vai máis alá do estrito deber profesional, posibilitando que Galicia sexa unha terra máis sabia e con máis futuro.