A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, visitou a zona afectada

A Xunta traballa para reparar os danos causados polas choivas no pontón da OU-533 en Viana do Bolo

Viana do Bolo (Ourense), 18 de xuño de 2026

A Xunta traballa para reparar os danos causados polas choivas no pontón da OU-533 ao paso polo concello de Viana do Bolo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue,  xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, visitou esta mañá a zona afectada.

Os danos producíronse á altura do punto quilométrico 9 en Viana do Bolo, onde as choivas anegaron a estrada o mércores pola tarde. A conselleira explicou que tras recibir o aviso do 112, o persoal do centro de conservación de estradas desprazouse á zona, primeiro o retén de garda de Verín, e logo sumouse o da Rúa. Despois de abordar a limpeza do viario, procedeuse á sinalización para garantir a seguridade viaria.

Neste momento están dez operarios traballando, coa axuda de varios vehículos de conservación de estradas. Nas vindeiras horas sumarase máis maquinaria pesada, unha  grúa retroexcavadora e outra grúa con cazo, para a retirada dos materiais que arrastraron as choivas ao pontón da ponte pola que discorre a estrada neste punto. Como destacou a conselleira, nesta actuación céntranse agora os esforzos para garantir a seguridade, "por se veñen máis choivas que podan causar máis danos”.

Allegue explicou que se traballa en coordinación co Concello, “para avaliar esta situación e que todo volva á normalidade o antes posible”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2026