O director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Sergas, Salvador Mariño-Ageitos, presentou esta tarde no Parlamento os avances da nova infraestrutura sanitaria

O Sergas confirma que o avance das obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa permitirá a súa posta en servizo o vindeiro ano tras un investimento da Xunta de máis de 19 M €

O novo equipamento sanitario incrementará de 40 ata 60 o número de consultas e fará posible ampliar a carteira de servizos

O responsable do primeiro nivel asistencial do Servizo Galego de Saúde descarta que apertura do novo centro vaia supoñer o peche do consultorio de Vilaxoán

Subliña o esforzo da Xunta por captar e reter novos profesionais de atención primaria, tras aprobar a maior oferta de formación sanitaria especializada e contratar ao 85 % dos médicos de familia que veñen de rematar o MIR

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026.

O director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Servizo Galego de Saúde, Salvador Mariño-Ageitos, avanzou esta tarde no Parlamento de Galicia que a Xunta prevé que as obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa rematen no primeiro trimestre do ano 2027 e, a continuación do equipamento poida entrar en servizo.

No marco da Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego, o responsable autonómico precisou que a construción desta infraestrutura sanitaria xa se atopa executada ao 34 %.

Segundo apuntou, tras un investimento de 19 millóns de euros, o novo centro de saúde vilagarcián suporá un salto cualitativo e cuantitativo na atención sanitaria da comarca, ao pasar das 40 consultas actuais ás 60 e ao incrementar a súa carteira de servizos.

O director xeral explicou que o novo centro disporá de 17 consultas de medicina familiar e comunitaria, 17 consultas de enfermería de adultos,  5 consultas de pediatría e outras 5 de enfermería pediátrica. Así mesmo, contará cunha unidade específica de saúde da muller, 2 consultas de farmacia, 5 consultas destinadas á docencia, 4 salas de técnicas e unha nova sala de illamento. 

A construción do novo centro de saúde tamén permitirá ampliar os seus servizos de fisioterapia, a unidade de saúde bucodental ou o seu Punto de Atención Continuada (PAC). 

Salvador Mariño-Ageitos aclarou na súa intervención que a apertura do novo centro de saúde non suporá o peche do consultorio de Vilaxoán. Neste senso, remarcou que o Servizo Galego de Saúde seguirá a garantir “unha atención de proximidade”, que ademais agora se complementará cunha nova infraestrutura  “máis moderna e preparada".

Por último, o director xeral salientou o compromiso da Xunta coa atención primaria galega, poñendo en valor o récord orzamentario rexistrado este ano, con 1.747 M€ para este nivel asistencial.

Mariño-Ageitos lembrou que a falta de médicos de atención primaria é un problema común ao conxunto de España que debe solucionar o Ministerio de Sanidade que, sen embargo, non adopta as medidas que demandan as autonomías.

A ese respecto, subliñou esforzo da Xunta por captar e reter novos profesionais de atención primaria, tras aprobar a maior oferta de formación sanitaria especializada e contratar ao 85 % dos médicos de familia que veñen de rematar o MIR.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2026