Así o explicou a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, no marco da Comisión 5ª do Parlamento
O plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal da Xunta permitiu revisar máis de 143.000 procesos e a emisión de máis de 6.000 partes de baixa directamente desde os hospitais
A folla de ruta do Executivo galego ten como finalidade apoiar os profesionais que xestionan os procesos de incapacidade temporal e acadar unha pronta recuperación das persoas traballadoras
A secretaria xeral remarca que tanto a indicación da incapacidade temporal como a súa alta son decisións que deben estar soportadas en criterios clínicos e nas necesidades asistenciais do pacientes
Destaca que o plan vai desenvolvendo novas medidas e que o reforzo da inspección de servizos sanitarios está a dar resultados satisfactorios, cunha boa acollida por parte dos profesionais
Incide en que este ano está previsto que a Consellería de Sanidade conte con unidades especializadas de consulta para os procesos de maior incidencia, en particular, no referido a patoloxías músculo-esqueléticas e psiquiatría menor
Agradece o labor realizado tanto polos servizos de inspección como por parte dos médicos de primaria e de atención hospitalaria
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026
O Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal, posto en marcha pola Consellería de Sanidade en agosto de 2024 con diversas medidas en beneficio dos pacientes e dos profesionais médicos, ten permitido revisar 143.072 procesos e realizar 40.560 citacións presenciais.
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, interveu na Comisión 5 ª de Sanidade do Parlamento para responder a dúas preguntas parlamentarias relacionadas coas incapacidades temporais.
A representante da Xunta explicou que esta folla de ruta que adoptou o departamento sanitario galego ten como finalidade apoiar aos profesionais que xestionan e controlan os procesos de incapacidade temporal, principalmente os médicos de primaria e o persoal inspector, e, ademais, acadar unha pronta recuperación das persoas traballadoras.
Para iso desenvolvéronse distintas medidas que se foron implementando progresivamente. Unha delas é a emisión de partes de baixa por parte dos servizos de admisión dos hospitais, para o caso dos pacientes ingresados e cunha cirurxía programada. Natalia Lobato explicou que, desde a posta en marcha desta medida o pasado ano, son máis de 6.000 os partes de baixa emitidos desde os servizos de admisión dos hospitais.
Plan dinámico
Natalia Lobato explicou que o plan vai incorporando novas medidas e que o reforzo da inspección de servizos sanitarios está a dar resultados satisfactorios, cunha boa acollida por parte dos profesionais de atención primaria.
Coa finalidade de apoiar aos profesionais da inspección médica no seu labor, Natalia Lobato sinalou que, recentemente, se reforzou a inspección médica do sistema de saúde de Galicia, incorporando 18 novos profesionais.
Xunto ao anterior, está previsto que, neste ano, a Consellería de Sanidade conte con unidades especializadas de consulta para os procesos de maior incidencia, en particular, no referente a patoloxías músculo-esqueléticas e psiquiatría menor.
Ao respecto destes procesos de maior incidencia, na data actual, o número deles activos por patoloxía músculo-esquelética ascende a 22.465, mentres que os procesos de saúde mental derivados de trastornos de psiquiatría menor alcanzan os 14.669, representando estas dúas categorías o 61 % do total dos procesos activos.
Outra das accións a poñer en marcha será integrar no programa de xestión da incapacidade temporal do Sergas os modelos de partes específicos de Muface para a xestión deses procesos polos médicos de primaria do Sergas, cando os mutualistas optan pola asistencia na sanidade pública.
Tamén explicou a secretaria xeral que, recentemente, se modificou o procedemento de autorización de probas e tratamentos por parte das mutuas, coa finalidade de que non teñan que tramitar unha solicitude individual por cada actuación, senón que unha soa habilite todas as probas e tratamentos precisos, o que supón unha importante medida de desburocratización.
Tamén se modificou a instrución pola que se establece o protocolo común para a xestión clínica e o seguimento da incapacidade temporal polos inspectores médicos e subinspectores sanitarios das unidades de inspección e control da saúde laboral. O obxecto desta modificación é axilizar o procedemento de tramitación das propostas de alta das mutuas, dotándoo de maior carácter resolutivo, ao tempo que se reforza o papel das unidades de inspección e control da saúde laboral.
A secretaria xeral técnica remarcou que a indicación da incapacidade temporal e a súa alta son decisións clínicas que deben estar soportadas en criterios clínicos e nas necesidades asistenciais dos pacientes. Aclarou, a este respecto, que ningún profesional vai ver reducida a súa produtividade cando a duración dun proceso de incapacidade temporal se estende por causas que son imputables ao sistema, pero que resulta necesario medir a duración dos procesos coa finalidade de adaptar as medidas de xestión e mellora que resulten precisas para que se adecúen á duración estándar fixada para cada unha das patoloxías.
Para rematar a súa intervención, Natalia Lobato agradeceu o labor realizado tanto polos servizos de inspección como por parte dos médicos de primaria e de atención hospitalaria.