A Xunta premia 45 proxectos de alumnos de formación profesional pola súa innovación
O obxectivo dos recoñecemento, que teñen un orzamento total de 1 M€, é potenciar a investigación nestas ensinanzas e a transferencia de coñecemento
As iniciativas gañadoras aposta pola sostibilidade, a biotecnoloxía, a revalorización do patrimonio natural galego, a economía circular ou a redución de residuos
Os premios enmárcanse no Plan Innova FP Galicia 26-30, a estratexia da Xunta para dar o pulo definitivo á I+G+i nestas ensinanzas
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2026
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional vén de recoñecer o traballo de 45 centros cos premios ao desenvolvemento de proxectos de innovación no ámbito da FP. O obxectivo destes galardóns, que contan cun orzamento de 1 M€, é potenciar a investigación desenvolvida polo alumnado, o traballo en grupo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, procurando a excelencia nestas ensinanzas, ao tempo que se fomenta o emprendemento entre os seus titulados
Nos 45 proxectos premiados participan 34 centros coordinadores, 43 centros cooperadores e 69 entidades colaboradoras. Por familias profesionais, Transporte e mantemento de vehículos; Madeira, moble e cortiza; Electricidade e electrónica, e Hostalaría e turismo son as máis frecuentes entre as iniciativas galardoadas. Por provincias, A Coruña conta con 19 proxectos premiados seguida de Pontevedra con 12, Lugo con nove e Ourense con cinco proxectos.
Mellora de procesos
A convocatoria desenvólvese arredor de tres modalidades. A primeira delas, con 26 traballos galardoados, céntrase en iniciativas que teñen como obxectivo a xeración de innovación tecnolóxica ou científica e que redunden na mellora de procesos de produción ou de prestación de servizos. As iniciativas debían estar orientadas a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e a contorna produtiva, así como ter unha incidencia significativa na inserción laboral do alumnado.
Entre os traballos premiados nesta modalidade destacan NANOBIOTECH 4.0: Plataforma biotecnolóxica de nano-encapsulación e deseño de sistemas intelixentes de liberación de activos (drons cosméticos) (CIFP Manuel Antonio, Vigo), que desenvolve unha plataforma biotecnolóxica de nano-encapsulación para o deseño de drons cosméticos que superen as barreiras de penetración cutánea. Pola súa parte, ErgoNova: Optimización da Interacción Usuario-Ferramenta (CIFP Politécnico de Lugo) aplica a enxeñaría ergonómica para optimizar a interacción entre o usuario e as súas ferramentas de traballo, buscando reducir a fatiga muscular e previr lesións laborais.
Outras iniciativas poñen o foco na sustentabilidade e na revalorización do patrimonio natural galego, como Avea Moura (CIFP de Vilamarín), que recupera este cereal autóctono en risco de desaparición, transformando a avea en produtos sen glute de alto valor engadido. No ámbito da economía circular, Lacteo-Circular: Unidade móbil de Aproveitamento e Tradición (CIFP de Vilamarín) propón unha unidade móbil itinerante e sostible que revaloriza o soro de leite para convertelo en bebidas isotónicas e outros recursos gastronómicos, mentres que Bio-envases para unha Silvicultura de Precisión e Residuo Cero (IES de Arzúa) persegue o obxectivo de residuo cero no ámbito produtivo forestal
Creación de recursos
Con 17 proxectos premiados, a modalidade B diríxese a traballos que teñan como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais. Debían estar orientados á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, potenciando o deseño de materiais didácticos, deseño de prototipos ou simuladores, laboratorios para prácticas ou maquetas, aplicacións informáticas, etc. Ademais, eses materiais debían ser doadamente trasladables a outros centros educativos onde se impartan as ensinanzas para as que foron deseñados.
Destacan polo seu enfoque na sostibilidade e a vangarda tecnolóxica aplicada á industria traballos como Estación de recuperación circular de ladrillo e arxila (CIFP Someso), que implementa unha metodoloxía de residuo cero para permitir a reutilización íntegra dos materiais de construción e reducir a pegada de carbono. No ámbito da automatización industrial, Integración de visión artificial nun robot de soldadura (IES María Sarmiento, Viveiro) avanza na corrección dinámica de traxectorias de soldadura en tempo real empregando a intelixencia artificial. Esta liña de dixitalización tamén está presente en Dixitalización e telemando de celas de alta tensión (CIFP Porta da Auga, Ribadeo), que utiliza servidores web integrados para o adestramento remoto e a supervisión en tempo real de redes eléctricas intelixentes.
Orientación profesional
Finalmente, con dous traballos galardoados, a modalidade C abrangue os proxectos de orientación profesional innovadores, centrados nas necesidades reais do mercado laboral e adaptados ás capacidades e aspiracións do alumnado, que incidan na redución do abandono escolar. A través de ferramentas e recursos novidosos, debían axudar o alumnado na definición de itinerarios formativos e profesionais, na adquisición de competencias clave e na exploración de oportunidades laborais e emprendedoras.
O proxecto GuíAme (CIFP Ánxel Casal-Montealto, A Coruña) consiste nun chatbot baseado na intelixencia artificial que se integra nas webs dos centros para resolver de xeito inmediato dúbidas sobre procesos de admisión, itinerarios formativos e acreditación de competencias. Pola súa banda, Agromando Futuro (Centro de Educación Especial Manuel López Navalón) propón un modelo de orientación experiencial na familia profesional agraria, onde o alumnado participa en obradoiros innovadores como a inoculación de fungos Shiitake ou a monitorización mediante unha aplicación dunha plantación experimental de café. Ambas iniciativas comparten o obxectivo ofrecer un acompañamento personalizado que reforce a inserción laboral e a motivación dos estudantes.
A relación completa de proxectos premiados pode consultarse no dossier anexo.
Plan Innova FP Galicia 26-30
Estes premios enmárcanse no Plan Innova FP Galicia 26-30, a estratexia da Xunta para dar o pulo definitivo á innovación e investigación aplicada nestas ensinanzas e aliñalas cos obxectivos estratéxicos da I+G+i galega. Esta folla de ruta conta cun orzamento de case 30 M€ co que se afondará en eidos como a transferencia da investigación e a innovación desenvolvida nos centros de FP aos sectores produtivos e a explotación dos seus resultados favorecendo os proxectos de base tecnolóxica.
Documentos relacionados
- Premios Innovación FP