A Xunta activa para esta tarde a alerta laranxa por treboadas e chuvias na montaña de Lugo

Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal)

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2026

A Xunta activou para esta tarde a alerta laranxa por treboadas e chuvias na montaña de Lugo. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa activarase a primeira hora da tarde. As chuvias poden chegar a acumular 30 litros por metro cadrado nunha hora e as treboadas poden ir acompañadas de sarabia grande e refachos de vento moi forte.

Cómpre lembrar que as actividades deportivas federadas e do programa Xogade no exterior xa están suspendidas na montaña de Lugo a partir do mediodía pola activación dunha alerta vermella por calor que afecta a diferentes zonas de Galicia. Os municipios afectados e os horarios de vixencia das alertas poden consultarse na web Deporte Galego.

Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 21/06/2026