María José Gómez salienta a aposta de Aceiroga polas novas tecnoloxías e pola mellora da súa capacidade produtiva
A conselleira do Medio Rural visitou hoxe as instalacións desta empresa, que foi beneficiaria o pasado ano dunha achega específica para fortalecer o emprego nas contornas rurais e diversificar a actividade agraria
A convocatoria 2026 destas axudas resolveuse cun orzamento de 2,1 millóns de euros, que permitirán apoiar 41 proxectos, o que facilitará a creación de 39 novos empregos
Na última década, a Consellería do Medio Rural mobilizou máis de 23 millóns de euros para seguir promovendo esta liña de achegas, con preto de 550 empresas beneficiarias
Quiroga (Lugo), 25 de xuño de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, visitou hoxe as instalacións de Aceiroga, en Quiroga, onde salientou a aposta desta empresa polas novas tecnoloxías e pola mellora da súa capacidade produtiva, o que redunda nun incremento da calidade do seu produto.
Neste sentido, a conselleira explicou que esta empresa foi beneficiaria no 2025 dunha achega específica da Consellería para fortalecer o emprego nas contornas rurais e diversificar a actividade agraria. En concreto, recibiu unha achega de 26.000 euros para adquisición dun novo equipamento para limpar olivas e para extraer e recoller aceite, así como para contar cunha cinta transportadora e unha aspiradora de follas.
A maiores, tamén lembrou que esta empresa se beneficiou dunha achega ao abeiro da intervención Leader, a través da cal puido adquirir unha nova almazara para a elaboración de aceite, o que permitiu ampliar a súa capacidade de produción.
Máis de 23 millóns de euros na última década
A conselleira puxo en valor a aposta do seu departamento por este tipo de achegas, que favorecen o desenvolvemento rural e diversifican o seu tecido socioeconómico. Deste xeito, salientou que a convocatoria 2026 das axudas para proxectos en actividades non agrícolas se resolveu cun orzamento de 2,1 millóns de euros, a través dos que se apoiarán a 41 proxectos. Isto permitirá consolidar 474 postos de traballos e crear 39 novos empregos.
Ademais, Gómez resaltou que na última década se mobilizaron máis de 23 millóns de euros mediante estas axudas, beneficiando a preto de 550 empresas galegas. Ao mesmo tempo, isto permitiu crear 500 empregos e consolidar 4.320 postos de traballos.