A Xunta adxudica por 321.395 € a redacción do proxecto básico e de execución da obra da Fase 0.2 do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña
A empresa Estudio Chile 15 S.L.P. resultou adxudicataria do expediente
Os traballos levaranse a cabo na 5ª planta do Novo CHUAC, onde se intervirá sobre 2.475 m2 de superficie
Entre outras actuacións, ampliaranse as unidades de diálise e de reanimación e tamén se creará unha unidade de probas funcionais de pneumoloxía e rehabilitación cardio-respiratoria
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2026
A Xunta publicou no Portal de Contratos Públicos de Galicia a adxudicación da redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra da Fase 0.2 do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), por un importe de 321.395.
A empresa que resultou adxudicataria é Estudio Chile 15 S.L.P., quen disporá para a redacción do proxecto básico de 1,5 meses, contando desde a formalización do contrato; e para a redacción do proxecto de execución, 2 meses desde a aprobación do proxecto básico.
No caso da dirección de obra, o prazo de execución será o que resulte da oferta da adxudicataria da obra de construción, ao que se lle incrementará o tempo necesario para realizar os traballos de recepción, liquidación e prazo de garantía de obra.
A Fase 0.2 do Plan Director do Novo CHUAC, que executa a Consellería de Sanidade, inclúen un conxunto de actuacións que se desenvolverán sobre 2.475 m2 da 5ª planta do centro hospitalario coruñés.
En concreto, levarase a cabo a reforma e ampliación da unidade de diálise e a ampliación da unidade de reanimación. Este traballos abranguerán unha superficie de 1.256 m2.
Así mesmo, procederase co acondicionamento da ala norte da 5ª planta do hospital. Neste caso, reformarase o antigo bloque cirúrxico para crear unha unidade de probas funcionais de pneumoloxía e rehabilitación cardio-respiratoria. Neste caso, a superficie que se reformará será de 848 metros cadrados.
O terceiro bloque de traballos da Fase 0.2 do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) suporá a ampliación do ximnasio e das salas de terapia ocupacional da unidade de lesionados medulares, actuando sobre 371 m2.
O proxecto do Novo CHUAC está considerado como prioritario e estratéxico para o Executivo galego co obxectivo de garantir a calidade asistencial na área sanitaria da Coruña. Representa o maior investimento hospitalario da Xunta na actualidade, cun orzamento que supera os 500 millóns de euros.