A Xunta aposta pola formación continua e a profesionalización dos empregados públicos para avanzar cara a unha Administración máis eficaz
A Escola acolleu hoxe a xornada sobre as claves do emprego público no marco da boa Administración
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Nuria Aguilar, destacaron a necesidade de avanzar cara a Administracións máis innovadoras e adaptadas ao contexto actual
A actividade formativa foi clausurada polo presidente da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Luis Fernando de Castro Mejuto
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2026
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu hoxe a xornada Claves actuais do emprego público no marco da boa Administración, un encontro que abordou os principais retos que afrontan as Administracións Públicas en materia de selección, avaliación do desempeño e estabilidade no emprego.
No acto de inauguración interviñeron a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Nuria Aguilar, e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e coordinador da xornada, Jesús Ángel Fuentetaja Pastor.
A directora da EGAP destacou que o emprego público “é un dos piares fundamentais da boa Administración e da confianza da cidadanía nas institucións”. Neste sentido, subliñou que “as Administracións deben ser capaces de atraer e reter talento, promover a formación permanente dos seus profesionais, impulsar a profesionalización dos seus cadros do persoal e incorporar mecanismos modernos de xestión que permitan responder con eficacia ás demandas dunha sociedade cada vez máis esixente e dinámica”.
Sonia Rodríguez-Campos sinalou que o actual contexto de transformación administrativa, marcado pola dixitalización, os cambios demográficos e as novas expectativas cidadáns, obriga a repensar moitos dos instrumentos tradicionais da función pública. “A mellora dos servizos públicos pasa necesariamente polo fortalecemento das persoas que os prestan e pola capacidade das organizacións para adaptarse aos novos desafíos”, afirmou.
A directora da EGAP destacou que o emprego público ocupa un papel central. “Non pode existir unha boa Administración sen profesionais cualificados, motivados e comprometidos co interese xeral. Son as empregadas e os empregados públicos quen, co seu traballo diario, fan posible que os servizos públicos cheguen á cidadanía e que os principios de legalidade, imparcialidade e eficacia se convertan nunha realidade tanxible”.
Sonia Rodríguez-Campos apelou á importancia de promover espazos de debate e intercambio de coñecementos entre o ámbito académico, xurídico e administrativo. “A modernización das Administracións Públicas require reflexión, formación e capacidade de adaptación” concluíu.
A través desta actividade, a EGAP reafirma o seu compromiso coa formación continua e coa difusión do coñecemento especializado como ferramentas fundamentais para impulsar a excelencia e a innovación no sector público galego.
A primeira das intervencións correu a cargo do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), Jesús Ángel Fuentetaja Pastor, quen analizou o alcance do principio de boa Administración e a influencia crecente dos instrumentos de soft law na configuración das políticas públicas e dos sistemas de emprego público.
A continuación, Miguel Salvador Serna, profesor titular de Ciencia Política da Universitat Pompeu Fabra, abordou a avaliación do desempeño como unha ferramenta estratéxica para mellorar a eficacia das organizacións públicas.
De seguido, interveu Federico A. Castillo Blanco, catedrático de Dereito Administrativo da Univerdade de Granada, que presentou a entrevista condutual estruturada, como un dos mecanismos máis innovadores nos procesos de selección de persoal.
A xornada concluíu coa conferencia de Luis Fernando de Castro Mejuto, presidente da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, centrada na situación actual das relacións laborais temporais na Administración. Na clausura participou tamén a directora da EGAP.