A Xunta destaca a entrega do voluntariado de protección civil na atención ás emerxencias
O director xeral de Emerxencias e Interior participou nas xornadas de convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense, onde incidiu no compromiso do Goberno galego con estes colectivos
O investimento autonómico só en equipamento para as agrupacións ascendeu a case 16 millóns de euros nos últimos anos, o que se suma ás achegas económicas ao funcionamento e outras medidas de apoio
Baños de Molgas (Ourense), 27 de xuño de 2026.
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou nas X Xornadas de convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Ourense, onde destacou a entrega deste persoal na atención ás emerxencias.
Para o director xeral, as agrupacións de voluntarios de Protección Civil son exemplo constante de solidariedade, ao dedicar de maneira desinteresada o seu tempo á protección e coidado da veciñanza e da contorna na que actúan. Segundo indicou, este labor merece ser recoñecido e apoiado tanto polas administracións como polo conxunto da cidadanía. Nesta liña, sinalou o compromiso da Xunta con estes colectivos, como piares fundamentais na prevención de riscos e na seguridade cidadá, a través de diferentes medidas de apoio, que inclúen dotación económica, equipamento e formación, ademais do recoñecemento específico coa concesión das Medallas o Mérito de Protección Civil de Galicia.
Así, no marco do apoio ao equipamento, nos últimos anos o Goberno galego destinou case 16 millóns de euros no conxunto de Galicia á entrega de case 1.600 dotacións, como vehículos, embarcacións, equipos de excarceración ou kits de ferramentas, entre outros. Cómpre sinalar que Ourense é a provincia na que se realizou un maior investimento, máis de 4,9 millóns de euros. Esta provincia é ademais, xunto coa Coruña, a que suma máis Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, 75 con máis de 1.200 membros.
Axudas ao funcionamento
Este apoio súmase á liña anual destinada ao mantemento da súa actividade, que neste exercicio consolidou o incremento a 370.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos. Ourense é tamén a provincia con máis beneficiarios, 69 que suman un financiamento de case 135.000 euros.
A maiores, contan coa plataforma do Sistema Integrado de Protección Civil e Emerxencias de Galicia (Siproc), que lles facilita ás agrupacións a comunicación coa Administración e a realización de trámites. A plataforma permite prestarlles un maior e máis efectivo apoio ás AVPC, xa que é posible coñecer en todo momento a súa composición, formación, recursos dispoñibles e o seu estado, operativos desenvolvidos e ademais permitirá ter información de primeira man da evolución das emerxencias.
Por outra banda, a Xunta contribúe á formación do persoal de emerxencias con diferentes cursos ao longo do ano impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública. Deste xeito, só no primeiro semestre deste ano máis de 4.300 traballadores dos servizos de emerxencias participaron nas 126 accións formativas programadas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como servizos de emerxencias municipais, axentes medioambientais e forestais e persoal de socorrismo.
Ademais, cada ano se facilita a participación nas accións mediante a formación descentralizada para achegar a capacitación a distintos territorios de Galicia e a combinación da formación presencial, semipresencial e en liña.