O conselleiro de Sanidade interveu na entrega do XXV Premio Nóvoa Santos de Investigación da Asociación de Médicos Galegos

Gómez Caamaño subliña a contribución do doutor Martinón ao liderado de Galicia en vacinación e protección da saúde da infancia

O titular de Sanidade incide en que a traxectoria profesional de Federico Martinón é unha mostra de como a investigación pode anticiparse aos retos sanitarios e transformar o coñecemento científico en respostas útiles para o benestar colectivo

Destaca o impulso por parte do galardoado de proxectos como Sincigal, Galflu ou a inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial en bebés                                          

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou a contribución do doutor Federico Martinón ao liderado de Galicia en materia de vacinación e de protección da saúde da infancia.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego interveu no acto de entrega do XXV Premio Nóvoa Santos de Investigación da Asociación de Médicos Galegos (ASOMEGA) ao doutor Martinón.

O conselleiro incidiu en que a traxectoria profesional de Federico Martinón é unha mostra de como a investigación pode anticiparse aos retos sanitarios e transformar o coñecemento científico en respostas útiles para o benestar colectivo. Ao respecto, citou a estratexia fronte ao virus respiratorio sincitial, que converteu Galicia na primeira rexión do mundo en aplicar esta inmunización de xeito masivo en bebés.

Este mesmo espírito investigador do doutor Martinón volveu estar presente -proseguiu o conselleiro- en proxectos como Sincigal (vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial) e Galflu (vacina alta carga fronte á gripe), orientados a avaliar novas estratexias de prevención na poboación adulta.

Para Gómez Caamaño, o ámbito especialmente ligado ao doutor Martinón é o da enfermidade meningocócica, na que é recoñecido como unha das máximas autoridades internacionais na loita contra a meninxite.

Segundo o titular de Sanidade, todo este historial profesional axuda a entender o feito de que Galicia sexa na actualidade un referente no ámbito da saúde pública, contando cun dos calendarios de vacinación máis completos do mundo e cun programa de cribado neonatal referente en España.

Na súa intervención no acto, o conselleiro tamén tivo palabras de recoñecemento para a doutora Irene Rivero, en calidade de nova investigadora e unha das grandes promesas da pediatría galega, e para Belén Mosquera, coordinadora da obra social da pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2026