A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe este espazo da fachada marítima
A Xunta inviste máis de 3 M€ na infraestrutura singular e moderna do Parrote na Coruña
O novo centro de servizos e a plataforma flotante permiten recuperar e transformar a zona do Parrote como referente de ocio, deporte e encontro social
Allegue destacou que estas novas infraestruturas, xa a disposición da cidadanía e visitantes, permiten “compatibilizar as actividades portuarias e náuticas coas actividades de lecer”
A conselleira destacou esta colaboración coa Autoridade Portuaria da Coruña no marco do compromiso da Administración autonómica coa cidade e con actuacións para seguir mellorando “a nosa Galicia calidade”
A Coruña, 3 de xullo de 2026
A Xunta inviste máis de 3M€ na infraestrutura singular e moderna do Parrote no concello da Coruña. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe o espazo na fachada marítima da cidade con motivo da posta en funcionamento do novo edificio de servizos, no que a Xunta investiu máis de 450.000€.
A nova instalación, cun deseño de calidade e integrado coa contorna no que destaca a utilización da madeira na fachada e a nova cantina con terraza exterior, completa a recuperación deste espazo coa plataforma flotante do Parrote, na que a Administración autonómica investiu ao redor de 2,9M€.
O novo centro de servizos está equipado para complementar as actividades que se poden desenvolver na plataforma, con espazo para almacenamento de embarcacións, vestiarios ou duchas exteriores.
Ambas infraestruturas, enfocadas ao ocio, o deporte e o encontro social, foron promovidas a través de convenios de colaboración coa Autoridade Portuaria da Coruña. Allegue destacou a transformación do espazo e subliñou que estas actuacións permiten “seguir abrindo a nosa Galicia ao mar, compatibilizando as actividades portuarias e náuticas, tamén con actividades de lecer”. “O importante é que coruñeses e coruñesas e visitantes desfruten destas magníficas instalacións”, destacou.
Destacou esta colaboración coa Autoridade Portuaria e enmarcouna no compromiso da Xunta e no traballo conxunto coas administracións para acadar actuacións que permitan “seguir mellorando a nosa Galicia calidade da que estamos tan orgullosos”.