A Xunta sitúa a formación e a cooperación internacional coma os dous eixes estratéxicos para combater a pesca ilegal dos océanos

O porto de Vigo, principal porto pesqueiro de Europa, acolle a inauguración do prestixioso curso internacional da FAO para blindar os controis pesqueiros en América Latina e o Caribe

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destaca que a cooperación entre países é a mellor ferramenta para protexer o futuro das comunidades costeiras ante a actividade fraudulenta

Vigo, 6 de xullo de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe no acto de apertura do Curso Internacional da FAO de Aplicación da Lexislación Pesqueira, celebrado no Porto de Vigo. Esta acción formativa coincide coa conmemoración oficial do décimo aniversario da entrada en vigor do Acordo sobre Medidas do Estado Reitor do Porto (AMERP), un fito clave na loita global para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, no declarada e no regulamentada.

Durante o encontro, no que se deu a benvida a alumnos procedentes de distintos países de América Latina, a titular de Mar salientou que a cooperación transnacional constitúe a vía idónea para frear unhas prácticas que prexudican a quen traballa con responsabilidade, ameazan a sustentabilidade dos recursos mariños e poñen en risco a supervivencia de moitas comunidades que dependen directamente do mar para vivir.

Marta Villaverde sinalou que resulta fundamental contar con profesionais ben capacitados que sexan quen de aplicar a lexislación vixente, colaborar entre as distintas administracións e garantir que as normas se cumpran de xeito eficaz e xusto. Ese é o obxectivo prioritario do curso que hoxe bota a andar: compartir coñecementos, experiencias e boas prácticas que sirvan para fortalecer a xestión sustentable da pesca a nivel internacional.

A conselleira dirixiuse de xeito especial aos participantes, que durante as vindeiras dúas semanas terán a oportunidade de aprender uns de outros, intercambiar experiencias profesionais e establecer contactos que os acompañarán en toda a súa traxectoria. "Procededes de realidades distintas, pero compartides unha mesma responsabilidade: protexer os recursos mariños e asegurar que as xeracións futuras poidan seguir beneficiándose deles", deulles traslado.

O compromiso permanente de Galicia

A titular de Mar lembrou que para Galicia supón un orgullo acoller unha iniciativa desta relevancia, dada a relación histórica que a comunidade mantén co mar, onde a pesca, o marisqueo, a acuicultura e toda a cadea mar-industria forman parte estrutural da súa identidade e da súa economía. "Sabemos que o futuro do sector depende de atopar un equilibrio entre a actividade económica, a protección dos recursos e o cumprimento das normas", subliñou.

Por este motivo, a defensa dunha pesca sustentable e responsable é unha prioridade permanente para a Xunta de Galicia. Desde a Consellería do Mar reafirmouse o compromiso coa colaboración internacional, coa transferencia de coñecemento e co reforzo dos sistemas de control e inspección pesqueira. Un labor no que os profesionais autonómicos, incluído o servizo de Gardacostas de Galicia, traballan acotío para garantir a legalidade da actividade e compartir a súa experiencia con outros territorios e países.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 06/07/2026