O conselleiro de Sanidade presentou, no Pleno do Parlamento, a reforma da Lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura neste servizo do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense

Gómez Caamaño avanza que o Servizo Galego de Saúde convocará antes de finais de ano un concurso de méritos para cubrir de forma estable as prazas das urxencias hospitalarias de Ourense

A través do proxecto de lei aprobado hoxe en Pleno puntuarase o triplo o tempo traballado no servizo de Urxencias do hospital de Ourense

O conselleiro de Sanidade subliña a necesidade de incentivar de forma inmediata o traballo dos profesionais médicos que cobren o servizo, que ten un cadro de persoal de 50 persoas e actualmente só está dispoñible a metade

Defende o incremento do persoal médico de urxencias hospitalarias en toda Galicia, con 149 prazas máis que en 2024

Remarca que a lei que declara as prazas médicas dos hospitais comarcais como postos de difícil cobertura, do ano 2022, demostrou a súa eficacia, ao permitir cubrir 521 prazas, máis do 98 % das ofertadas

Contrapón as medidas tomadas pola Xunta coa parálise do Goberno central ante a súa responsabilidade de resolver o déficit de médicos en todo o Sistema Nacional de Saúde

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, adiantou que, antes de finais de ano, o Servizo Galego de Saúde convocará un concurso de méritos para cubrir de forma estable as prazas das urxencias hospitalarias de Ourense.

Así o sinalou no Parlamento, no marco da presentación do proxecto de lei de reforma da Lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada hoxe en Pleno, coa que se dará esta consideración ás prazas de medicina de urxencias no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para dar resposta á actual falta de persoal.

Gómez Caamaño defendeu a oportunidade desta medida na efectividade da lei posta en marcha pola Xunta hai catro anos para o caso dos sete hospitais comarcais. Remarcou que esa norma de 2022 permitiu cubrir 521 prazas médicas de difícil cobertura, é dicir, máis do 98 % das prazas ofertadas.

O conselleiro de Sanidade sinalou que a lei cumpriu o obxectivo polo que foi aprobada, “cumpriuno porque contribuíu a reforzar a estabilidade dos equipos asistenciais, reducindo a temporalidade e a rotación do persoal”.

Deste xeito, a Xunta utilizará o mesmo sistema para dar resposta ás necesidades do servizo de urxencias hospitalarias de Ourense. Ademais da convocatoria de prazas por concurso de méritos, desde este mesmo verán o tempo traballado dos médicos nas urxencias do CHUO computará o triplo. Desta forma, esta experiencia terá unha valoración extraordinaria nos futuros procesos selectivos e tamén en concursos de traslados.

Gómez Caamaño subliñou a rapidez coa que a Xunta actuou ante esta situación, xa que se informou á representación sindical na Mesa Sectorial de Sanidade, inmediatamente despois aprobou a iniciativa lexislativa no Consello da Xunta e hoxe o Goberno galego levou ao Pleno do Parlamento para o seu debate e aprobación.

Deste xeito, a Xunta actúa ante a falta de persoal das urxencias hospitalarias de Ourense, que teñen un cadro de persoal médico de 50 profesionais, dos cales actualmente están só dispoñibles a metade por permisos ou vacacións aos que ten dereito o persoal.

Melloras laborais e retributivas

Gómez Caamaño lembrou que a Xunta leva anos traballando en mellorar as condicións de traballo e retributivas do persoal da sanidade pública e, en particular, dos médicos de urxencias de todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde.

En concreto, referiuse ao incremento de 149 prazas máis desde 2024 e ao importante paquete de melloras publicado a pasada semana no Diario Oficial de Galicia para o colectivo médico de urxencias hospitalarias. Entre esas medidas está o incremento progresivo do valor da hora da xornada complementaria, con efectos retroactivos desde o 1 abril, ou as compensacións das quendas máis gravosas. En conxunto, estas medidas suporán unha mellora retributiva media arredor de 3.560 euros anuais para cada profesional facultativo de urxencias hospitalarias.

O responsable do departamento sanitario tamén se referiu á fidelización dos profesionais que se incorporan á sanidade pública. “Galicia está a conseguilo porque máis do 77 % dos MIR que remataron este ano a súa formación decidiron continuar no Servizo Galego de Saúde”, explicou Gómez Caamaño. Deles, a porcentaxe sobe ao 84 % na especialidade de medicina familiar e comunitaria, na cal 29 novos facultativos decidiron incorporarse xa aos servizos de urxencias hospitalarias galegas.

Gómez Caamaño resaltou tamén que Galicia volverá ofertar o próximo curso a maior oferta de formación sanitaria especializada da súa historia, con 725 prazas. Delas, 24 corresponden á nova especialidade de medicina de urxencias e emerxencias.

O titular de Sanidade lamentou, a este respecto, que o Ministerio de Sanidade limitase este ano a oferta de 6 prazas MIR de urxencias na comunidade, cando Galicia estaba en disposición de formar un residente en cada área sanitaria.

Tamén contrapuxo as medidas que está a tomar a Xunta para paliar a falta de médicos en determinadas especialidades, dentro das súas competencias, coa inacción do Goberno central para solucionar o problema que afecta a todo o Sistema Nacional de Saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2026