O Servizo Galego de Saúde modifica os prazos do concurso de traslados aberto e permanente co obxectivo de facilitar a participación do persoal de novo ingreso
O departamento sanitario da Xunta traslada a data límite para a presentación de solicitudes e acreditación de méritos ao 15 de febreiro, flexibilizando o calendario do ciclo anual
O novo marco normativo comezará a aplicarse de forma efectiva no ciclo de adxudicación do ano 2027
As modificacións foron acordadas de xeito unánime polo Sergas e o conxunto de organizacións sindicais con representación na Mesa sectorial de Sanidade
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se modifican as bases do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario.
A reforma ten por obxectivo principal flexibilizar os prazos administrativos para garantir que o persoal fixo de novo ingreso poida incorporarse aos ciclos de adxudicación de destino no menor tempo posible.
Deste xeito, o departamento sanitario da Xunta traslada a data límite para a presentación de solicitudes e acreditación de méritos ao 15 de febreiro, flexibilizando o calendario do ciclo anual.
Ata o de agora, a coincidencia da finalización dos procesos selectivos coas vacacións de Nadal dificultaba que os novos profesionais fixos puidesen tramitar a súa solicitude antes da data límite anterior (o 15 de xaneiro). Así, coa nova regulación, elimínase este obstáculo estacional atrasando os prazos clave.
Un novo calendario máis flexible
As modificacións introducidas reconfiguran o calendario do concurso de traslados aberto e permanente, achegando unha maior flexibilidade a este procedemento. Cada ciclo anual de adxudicación iniciarase formalmente o 15 de febreiro, unha data que tamén será o límite para rexistrar e presentar formalmente as solicitudes de participación e a petición de prazas, a través do sistema Fides/expedient-e.
No que atinxe á baremación de méritos, valoraranse en cada ciclo anual de adxudicación os causados ata o 15 de xaneiro do mesmo ano natural, que consten debidamente rexistrados en Fides/expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada con data límite do 15 de febreiro.
Así mesmo, e respecto da oferta de destinos, as prazas por categoría, centro, localidades e quendas, serán publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na web do Servizo Galego de Saúde durante o primeiro cuadrimestre de cada ano.
O Sergas garante que esta modificación non suporá unha demora na resolución do concurso, cuxa adxudicación definitiva de destinos se producirá, como máximo, durante o último trimestre de cada ano.
As modificacións foron acordadas de xeito unánime polo Sergas e o conxunto de organizacións sindicais con representación na Mesa sectorial de Sanidade.
Este novo marco normativo comezará a aplicarse de forma efectiva no ciclo de adxudicación do ano 2027 e sucesivos.
Excepcionalidade por volume de prazas
A resolución tamén contempla unha medida excepcional motivada pola grande envergadura dos procesos actuais, que comprenden un total de 5.550 prazas de persoal estatutario no sistema sanitario público galego. Así, e aínda que a data final para o cómputo das vacantes ofertadas se mantén, con carácter xeral, no 31 de decembro do ano anterior, a Dirección Xeral de Recursos Humanos poderá modificar de forma motivada esta data límite, previa negociación na Mesa Sectorial de Sanidade, para asegurar o correcto desenvolvemento dos procesos.