Diego Calvo destaca a axilidade da Xunta na activación dos recursos de emerxencia para atender as incidencias polas riadas do pasado 17 de xuño e na recuperación dos servizos e infraestruturas danados
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes lembra que o Goberno galego continúa a traballar cos concellos para establecer canles de colaboración cos que axudar a sufragar os gastos de reparación dos danos rexistrados
Puxo en valor tamén a rapidez para a recuperar as infraestruturas danadas como o restablecemento da circulación en menos de 24 horas na OU-533 en Viana do Bolo
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe no Parlamento de Galicia a rápida resposta da Xunta ante as riadas provocadas polas chuvias rexistradas o pasado 17 de xuño que afectaron a varios concellos das provincias de Ourense e Lugo. Así, lembrou que o Goberno galego activou desde o primeiro momento todos os recursos de emerxencia necesarios para atender a máis dunha vintena de incidencias rexistradas no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, onde se recibiron máis de 2.400 chamadas relacionadas con este fenómeno meteorolóxico.
Nesta liña, puxo en valor o traballo do servizos de emerxencias mobilizados: persoal de conservación de estradas e brigadas de defensa contraincendios da Xunta, servizos de prevención e extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais (GES), agrupacións de voluntarios de Protección Civil, forzas e corpos de seguridade e brigadas de deputacións provinciais.
Estes efectivos encargáronse, como aclarou o conselleiro, de levar a cabo intervencións centradas na protección das persoas, o achique de auga en vivendas e locais, a retirada de árbores e sedimentos, a limpeza de vías e a apertura de accesos alternativos, así como no apoio aos concellos mediante maquinaria pesada para facer fronte aos danos.
Cómpre engadir que a Xunta xa trasladara con antelación os correspondentes avisos e alertas aos concellos, deputacións e servizos integrados no sistema galego de protección civil e emerxencias. Ademais, como medida preventiva, suspendéranse por este motivo as actividades escolares no exterior e as actividades deportivas ao aire libre nas zonas afectadas pola alerta laranxa.
Diego Calvo salientou tamén a rapidez coa que a Xunta actuou para recuperar as infraestruturas afectadas. Neste sentido, puxo como exemplo os traballos de reparación dos danos nun treito de 200 metros da OU-533, que une A Gudiña e A Rúa, no lugar de Pradocabalos, no concello de Viana do Bolo, onde se restableceu a circulación en 24 horas e se traballou na retirada dos materiais arrastrados polas chuvias no pontón desta estrada. De feito, xa remataron as tarefas de retirada nun dos lados do pontón e prevese que hoxe queden practicamente rematados os traballos.
Por outra parte, co obxectivo de avanzar na recuperación dos servizos e infraestruturas danadas, tras a reunión do pasado 29 de xuño cos concellos máis afectados e coas deputacións de Ourense e Lugo, a Xunta está a espera, tal como se acordara, de recibir a valoración dos danos por parte dos municipios asistentes e así poder establecer canles de colaboración coas entidades locais para axudarlles a sufragar os gastos de reparación.