Medio Rural destina máis de 139.000 euros ao desenvolvemento de tres pasteiros nos concellos de Ponteareas e Covelo
Abranguen unha superficie total de 18,5 hectáreas, e nelas leváronse a cabo traballos de preparación do terreo, así como a construción de novas infraestruturas e de acondicionamento para o benestar do gando
Este tipo de infraestruturas contan con múltiples vantaxes, xa que favorecen o coidado do gando en extensivo e axudan a protexer o territorio
Ponteareas (Pontevedra), 8 de xullo de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, visitou hoxe os concellos de Ponteareas e Covelo, onde puido ver os traballos realizados nos tres pasteiros desenvolvidos nestas zonas, que abranguen unha superficie total de 18,5 hectáreas e nos que se investiron máis de 139.000 euros de xeito conxunto. Este orzamento destinouse a traballos de preparación do terreo, así como á construción de novas infraestruturas e de acondicionamento para o benestar do gando.
En primeiro lugar, o director trasladouse ata o pasteiro impulsado no municipio de Ponteareas, pertencente ao monte veciñal en man común de Padróns, que conta cunha extensión de 2,5 hectáreas e un investimento de 35.122,40 euros. A súa implantación requiriu realizar múltiples tarefas, entre as que se atopan a roza mecanizada, destoconados, colocación de caliza molida extendida, abonado e sementeira. Asemade, levouse a cabo a construción dun peche perimetral, cunha altura de 1,5 metros, e a instalación de dúas cancelas de catro metros de ancho e 1,5 de alto.
Por outra banda, na localidade de Covelo desenvolvéronse dous pasteiros, un pertencente ao monte veciñal en man común de Casteláns, e outro ao de Prado de Canda. O primeiro abrangue unha superficie de sete hectáreas nas que se levaron a cabo diferentes actuacións, como a construción dun peche perimetral de 1,5 metros de altura, así como a instalación de cancelas e dun comedeiro para penso cunha capacidade para 12 becerros. Estes traballos contaron cun investimento total de 74.200 euros.
O segundo pasteiro neste concello abrangue unha superficie de 9 hectáreas. O orzamento destinado foi de algo máis de 30.000 euros e incluíu traballos de roza mecanizada, abonado, sementeira e pase de rulo, entre outros.
José Balseiros sinalou que este tipo de infraestruturas contan con múltiples vantaxes, xa que favorecen o coidado do gando en extensivo e axudan a protexer o territorio
Plan de pastos de Galicia
A creación destes pasteiros enmárcanse dentro do Plan de Pastos de Galicia, que dende o ano 2020 permitiu a mobilización de case 2.500 hectáreas en 106 pasteiros, cun investimento global de cerca de 15 millóns de euros.