A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe os traballos para avanzar nas obras de acondicionamento e reforzo da infraestrutura
Allegue supervisa a proba de carga no viaduto da autovía AG-53 sobre o río Barbantiño con 24 camións con case 1.000 toneladas de peso
A Xunta reabrirá esta tarde ao tráfico o treito do viaduto tras finalizar esta proba de carga que se vén desenvolvendo desde o pasado luns
Allegue destaca o compromiso da Xunta coa conservación das estruturas e obras de paso nas estradas autonómicas e subliña que o investimento nestas obras do viaduto sobre o río Barbantiño acada os 3,1 M€
A vindeira semana comezarán os traballos na infraestrutura, que precisarán o corte da calzada dereita ata o mes de outubro, desviándose o tráfico de ambos sentidos á calzada esquerda
Punxín (Ourense), 9 de xullo de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, supervisou hoxe a proba de carga no viaduto da autovía AG-53 (Dozón-Ourense) sobre o río Barbantiño, con 24 camións con case 1.000 toneladas de peso. Allegue visitou estes traballos para avanzar as obras de acondicionamento e reforzo desta infraestrutura, nos que a Administración autonómica inviste un orzamento de 3,1M€.
A proba de carga iniciouse o pasado luns e finaliza hoxe. Realízase en ambas calzadas do viaduto e os 24 camións dispóñense á vez, tanto en posición centrada como excéntrica.
Trátase dunha proba de carga do estado actual da estrutura para avanzar logo nas obras de acondicionamento, como destacou a conselleira, no marco do compromiso da Xunta coa conservación e mantemento dos viarios autonómicos e as estruturas e obras de paso para garantir a “súa durabilidade e seguridade”. Unha vez rematada, a Xunta reabrirá esta tarde ao tráfico o treito do viaduto, que permanecía cortado desde o pasado luns.
Finalizado este proceso, o vindeiro luns, 13 de xullo comezarán os traballos na infraestrutura na calzada dereita do viaduto, que precisarán o seu corte ao tráfico ata o mes de outubro, desviándose o tráfico de ambos sentidos á calzada esquerda.
Posteriormente, as obras na outra calzada suspenderanse previsiblemente ata a primavera, para garantir as actuacións de impermeabilización do taboleiro, xa que estes traballos requiren que as condicións meteorolóxicas sexan secas e que as temperaturas non sexan baixas.
Actuacións
Levaranse a cabo distintos traballos de reparación e conservación no interior do taboleiro e na cara exterior da lousa superior do viaduto, que foi posto en servizo no ano 2009. En concreto, actuarase no tramo do enlace de Cea-enlace coa OU-402 e a A-52, entre os puntos quilométricos 81+134 e 81+914. As obras sitúanse principalmente dentro do termo municipal de Punxín e parte do concello de Amoeiro.