A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe co alcalde, José Luis Gavilanes., o convenio para executar esta actuación ao abeiro do Plan Hurbe

A Xunta e o Concello de Xunqueira de Ambía colaboran nas obras de acondicionamento da canella Jorge Ferreiro e da praza da Eiriña, que suman un investimento total de máis de 270.000€

As actuacións que se acometerán buscan rexenerar e poñer en valor estes viarios, situados na contorna da Colexiata de Santa María a Real e no ámbito de protección do Camiño de Santiago

Actualizaranse as instalacións urbanas existentes para resolver os problemas do saneamento e, ademais, renovarase a instalación de alumeado público con luminarias LED, pavimentarase as rúas e instalarase mobiliario urbano

Allegue destacou a nova actuación que se aborda a través do Plan Hurbe, o programa co que a Xunta coopera coas administracións locais co financiamento de investimentos para mellorar as súas contornas urbanas e dotarse de equipamentos, a fin de dinamizar o territorio e favorecer o reequilibrio territorial 

Xunqueira de Ambía (Ourense), 9 de xullo de 2026

A Xunta e o Concello de Xunqueira de Ambía colaboran nas obras de acondicionamento da canella Jorge Ferreiro e da praza da Eiriña, que suman un investimento total de máis de 270.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe co alcalde do concello ourensán, José Luis Gavilanes, o convenio para executar esta actuación ao abeiro do Plan Hurbe.

As actuacións que se acometerán buscan rexenerar e poñer en valor estes viarios, situados na contorna da Colexiata de Santa María a Real, declarada Monumento Histórico-Artístico en 1931 e Ben de Interese Cultural desde 1985, e no ámbito de protección do Camiño de Santiago.

En concreto, as intervencións centraranse na actualización das instalacións urbanas existentes na canella e na praza, para resolver os problemas do saneamento e abordar a recollida de pluviais, ademais da renovación da instalación de alumeado público con luminarias LED, a reposición e actualización da sinalética, a pavimentación destas rúas, e a instalación de mobiliario urbano. Deixaranse ademais preparadas as preinstalacións precisas para que no futuro se é necesario reformalas ou implementalas non se teña que intervir xa na pavimentación.

Allegue destacou a nova actuación que se aborda a través do Plan Hurbe, o programa co que a Xunta coopera coas administracións locais coa financiación de investimentos para mellorar as súas contornas urbanas e dotarse de equipamentos co obxectivo de dinamizar o territorio e  favorecer o reequilibrio territorial.

“Esta é unha proposta para recuperar estes espazos e con iso transformar esta fermosa contorna, para favorecer que siga a ser punto de encontro da veciñanza e visitantes”, subliñou.

A través do convenio asinado hoxe, a Xunta aportará o 70% do investimento, ao redor de 190.000€, ademais de licitar e executar as obras, mentres que o Concello achega o 30% restante, algo máis de 81.000 euros.

A conselleira destacou que a Administración autonómica axilizará na medida do posible a tramitación para licitar e adxudicar canto antes as obras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2026