A Xunta activa para mañá alerta laranxa por tormentas e chuvias na Mariña lucense e amplía ao centro de Lugo a activa hoxe en toda a provincia da Coruña
Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal)
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2026
A Xunta vén de ampliar ao centro de Lugo a alerta laranxa prevista para esta tarde en toda a provincia da Coruña por tormentas e chuvias e, ao mesmo tempo, activa outro aviso tamén de nivel laranxa para mañá na Mariña lucense polo mesmo fenómeno meteorolóxico. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa de hoxe na provincia da Coruña e no centro de Lugo, ao igual que a prevista para mañá desde primeiras horas da tarde na Mariña lucense, suporá tormentas acompañadas de fortes refachos de vento e saraiba, así como precipitacións con acumulacións de 30mm nunha hora.
Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.