A Xunta realiza labores de conservación fluvial en máis de 1 quilómetro do río Magalofes e do regato Foxas, en Fene
As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante catro semanas e inclúen a retirada de árbores caídas e biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en máis de 1 quilómetro do río Magalofes e do regato Foxa, no Concello de Fene.
En concreto, as tarefas, que xa foron comunicadas ao Concello, desenvólvense en varios lugares das parroquias de Perlío e Sillobre, e consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos. Os traballos, que se prolongarán ao longo de catro semanas, realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras, podadeiras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como unha minidumper e un tractor.
Unha vez rematadas estas actuacións, o tramo fluvial presentará mellores condicións para o escoamento das augas, contribuíndo tamén á conservación do ecosistema fluvial e á prevención de incidencias asociadas á acumulación de elementos na canle.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.