O delegado da Xunta e a alcaldesa de Barreiros abordan actuacións de interese para o concello

Villares destacou diferentes iniciativas en marcha financiadas polo Goberno galego, como as obras de rehabilitación integral do CEIP San Miguel de Reinante; o obradoiro de emprego ‘Constrúe en Verde II’ e a mellora de servizos básicos municipais

Barreiros (Lugo), 14 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, dentro do programa de visitas institucionais que está a realizar aos concellos lucenses. Villares e a rexedora abordaron diferentes proxectos e investimentos autonómicos de interese para o municipio.

Entre as principais actuacións en marcha, destacou a rehabilitación integral do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) San Miguel de Reinante. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP inviste preto de 373.500 euros nesta obra, que está actualmente en execución.

Tamén resaltou o impulso do emprego a nivel local, con accións como o obradoiro dual Constrúe en Verde II, promovido polo concello de Ribadeo asociado co de Barreiros. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigracións financia a iniciativa cun investimento de 486.000 euros.

O taller, iniciado en xuño, ofrece a unha vintena de persoas desempregadas formación teórica e práctica en áreas relacionadas coa construción; a xestión de residuos; e a limpeza en espazos abertos, instalacións industriais, edificios e locais.

O delegado tamén subliñou o apoio da Xunta para mellorar infraestruturas e servizos en Barreiros. Dentro das colaboracións aprobadas no que vai deste ano, salientou a concesión dunha achega de 72.000 euros da Consellería do Medio Rural ao abeiro da convocatoria de axudas a concellos para impulsar servizos básicos municipais.                              

Villares apuntou que o Goberno galego seguirá reforzando a cooperación coas entidades locais lucenses para traballar conxuntamente en beneficio da cidadanía da provincia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2026