A Xunta licita por máis de 654.000 € a subministración de equipamento para os servizos de pneumoloxía e otorrinolaringoloxía do Hospital Novo Montecelo
O expediente inclúe a compra de equipos para a diagnose e tratamento de patoloxías broncopulmonares
Tamén contempla a adquisición dun láser CO2 para a realización de procedementos cirúrxicos con alta precisión na zona endolarínxea
As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 29 de xullo para presentar as súas ofertas
Este contrato forma parte da planificación da Xunta para completar a dotación de equipamento do novo hospital pontevedrés
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026.
A Xunta publica hoxe, no Portal de contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 654.731 euros, da subministración de equipamento para os servizos de pneumoloxía e otorrinolaringoloxía do Hospital Público Novo Montecelo.
Deste xeito o expediente, distribuído en 2 lotes, ten como obxectivo adquirir o material necesario para a realización de procedementos de exploración, diagnose e tratamento de patoloxías broncopulmonares nas salas de broncoscopia do servizo de Pneumoloxía deste hospital da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Así mesmo, busca dotar o servizo de otorrinolaringoloxía cun láser CO₂ para a realización de procedementos cirúrxicos con alta precisión e seguridade: amigdalectomías, microcirurxías de larinxe e estapedotomías, así como intervencións cirúrxicas da área endolarínxea de etioloxía benigna (pólipos, nódulos, papilomas...) e etioloxía maligna (cancros de vía superior).
As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 29 de xullo para presentar as súas ofertas.
Adquisición de equipamento para o Novo Montecelo
Este contrato está incluído na planificación do Servizo Galego de Saúde para rematar de equipar o novo hospital, na que está previsto que, en 2026, se invistan 10.351.093 euros.
Así, durante o presente ano licitaranse tamén os sistemas de anestesia (298.870 euros), novo equipamento de radioterapia-inmobilización (292.559 euros), diferente mobiliario xeral e de oficina (3.600.000 euros) e os seus equipos de informática e sistemas de información (4.816.000 euros).
Cómpre destacar que durante o presente mes de xullo a Consellería de Sanidade tamén licitará o contrato de servizos para a planificación e execución de traslado definitivo ao novo hospital, cuxo importe de licitación ascenderá ata os 688.933 euros.
Desta forma, a Xunta de Galicia completará neste ano un investimento de máis de 30 millóns de euros na dotación de equipamento para o Hospital Público Novo Montecelo de Pontevedra.