Medio Rural apoia dar visibilidade aos produtos galegos agroalimentarios co fin de aproximalos á clientela e favorecer a súa presenza no mercado
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu á presentación de Produtos do Ano de Galicia 2026, impulsada polo Clúster Alimentario de Galicia e Velgasa-Eroski
A campaña busca aproximar ao consumidor os produtos das empresas premiadas nos Premios Galicia Alimentación
Durante o mes de agosto, os produtos destas 12 marcas estarán dispoñibles para proba e compra nos 24 establecementos da empresa distribuidora
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu hoxe á presentación da campaña Produtos do Ano de Galicia 2026, organizada en colaboración entre o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e Vegalsa-Eroski. No acto, o director puxo en valor a importancia da colaboración para visibilizar os produtos agroalimentarios galegos, reforzar a súa presenza no mercado e aproximalos á clientela.
A iniciativa conta con 12 das empresas premiadas e finalistas o pasado 11 de xuño nos Premios Galicia Alimentación 2026, que estarán presentes durante todo o mes de agosto nos 24 supermercados e hipermercados de Vegalsa-Eroski. Deste xeito, favorécese a proba e compra destes produtos de calidade para os consumidores. Entre estas marcas atópanse Sacra Pastas, baixo o selo de calidade Artesanía Alimentaria; Paco & Lola, amparada pola Denominación de Orixe Rías Baixas; Aboa Migalla, dentro da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea; e Queixos Barral, inscrita na Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, entre outras.
O obxectivo da campaña é achegar aos consumidores unha selección de produtos que representan a innovación, a excelencia e a calidade da industria alimentaria de Galicia. Nesta liña, Alemparte puxo en valor a importancia das denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas, porque ofrecen ao consumidor garantías de orixe certificada e contribúen a crear territorio, preservando variedades vexetais e razas autóctonas, mantendo sistemas tradicionais de produción, conservando coñecementos transmitidos de xeración en xeración e protexendo a paisaxe, a cultura e a identidade propias de Galicia.
Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada
Cómpre salientar que a Consellería do Medio Rural conta co Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, ao que este ano destina máis de 10 millóns de euros, dous millóns máis que no 2025. Para reforzar a promoción das producións certificadas, incrementar o seu posicionamento nos mercados e seguir xerando valor para os produtores e para o conxunto do rural galego.