O Servizo Galego de Saúde publica a relación de aspirantes seleccionados no concurso-oposición para o ingreso en 6 categorías de persoal estatutario

Ofértanse 152 prazas en categorías de persoal sanitario de formación profesional e 28 prazas nas categorías dos grupos técnico e de xestión da función administrativa

Mañá martes ábrese o prazo de elección de destino de forma telemática

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica, no día de hoxe, as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde polas que se publican a relación de aspirantes definitivamente seleccionados no concurso-oposición para o ingreso en seis categorías de persoal sanitario de formación profesional e dos grupos técnico e de xestión da función administrativa, iniciándose  o prazo para a elección de destino.

Respecto do persoal sanitario de formación profesional, trátase das categorías de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía (8); técnico superior en dietética (16); técnico superior en documentación sanitaria (7); e técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico (121). 

Do grupo técnico da función administrativa ofértanse 2 prazas e 26 do grupo de xestión da función administrativa.

Coa publicación destas resolucións ábrese un prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación (do 4  ao 17 de agosto de 2026, ambos os dous días incluídos) para que os aspirantes definitivamente seleccionados neste proceso selectivo seleccionen telematicamente, a través do sistema de información Fides/expedient-e, os destinos ofertados por orde de prelación entre a relación de prazas ofertadas.

O procedemento telemático redunda nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos e supón un avance no dereito dos cidadáns de relacionarse electronicamente coas administracións públicas. Asegúrase a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios e evita o desprazamento das persoas aspirantes á sede do órgano convocante como acontecía coa modalidade presencial.

Os aspirantes seleccionados poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso selectivo ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. 

Data de actualización: 03/08/2026