Belén do Campo agradece á Federación de Empresas de Xardinería que celebren en Galicia o seu I Congreso Internacional que reunirá en Santiago a máis de 300 profesionais de 35 países

A delegada da Xunta coñeceu os detalles da cita internacional que se celebrará o 29 de outubro na Cidade da Cultura

No encontro con Agaexar tamén abordaron propostas para avanzar na xestión circular da bioamasa vexetal mediante a colaboración cos concellos

A Coruña, 3 de agosto de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo hoxe unha reunión de traballo co presidente da  Federación Española de Empresas de Jardinería (FEEJ), Víctor Pérez, na que se abordaron distintas liñas de colaboración co sector.

Durante o encontro, a representante do Goberno galego coñeceu os detalles do I Congreso Internacional de Xardinería 2026, unha cita que conta co apoio da Xunta de Galicia e que se celebrará o vindeiro 29 de outubro na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, un evento que se encadra na celebración do 29 ao 31 de outubro do European Landscape Contractors Association (ELCA Presidium)

O congreso, organizado pola Federación Española de Empresas de Xardinería (FEEJ) converterá Galicia nun punto de encontro europeo de referencia para o sector da xardinería, o paisaxismo e a infraestrutura verde.

A xornada reunirá a máis de 300 profesionais de máis de 35 países, entre representantes institucionais, empresas, universidades e expertos, co obxectivo de analizar os principais retos do sector, compartir experiencias e impulsar solucións innovadoras que favorezan unha xardinería máis sostible, resiliente e integrada nas cidades do futuro.

O programa incluirá conferencias, mesas redondas, presentación de casos de éxito internacionais, unha zona expositiva con empresas líderes, espazos de networking e encontros B2B orientados a fomentar novas alianzas e oportunidades de colaboración.

Xestión circular da biomasa vexetal

Así mesmo, no marco da reunión, a delegada territorial coñeceu a proposta de FEEJ para avanzar cara a unha xestión máis eficiente e circular da biomasa vexetal xerada polos concellos e polas empresas do sector que se porá en marcha este ano coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

A iniciativa aposta pola colaboración municipal para habilitar espazos axeitados nos que depositar os restos vexetais procedentes de podas, rozas, servizos municipais ou floristerías, co obxectivo de que posteriormente sexan tratados e transformados en compost para novos usos.

Belén do Campo valorou positivamente esta proposta, que encaixa cos obxectivos do Plan Galego de Xestión de Residuos Urbanos (PXRUG), especialmente no relativo á valorización da fracción verde e ao impulso de modelos de economía circular a nivel local.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2026