As obras de reforzo de firme na autovía do Barbanza farán necesarios cortes parciais na calzada a partir deste xoves e ata o vindeiro martes día 11, incluído
Cortarase a calzada dereita da AG-11 na saída 19 da autovía, no enlace Taragoña sentido Ribeira
Para facilitar a accesibilidade do tráfico, abrirase transfer e circularase pola calzada esquerda da autovía
A Xunta avanza nas obras de acondicionamento de firme nos algo máis de 40 quilómetros de lonxitude da autovía de Barbanza, adxudicadas por un investimento de máis de 10,5M€
Santiago de Compostela, 4 de agosto 2026
As obras de reforzo de firme na autovía do Barbanza (AG-11) farán necesarios cortes parciais de calzada a partir do xoves día 6, e ata o vindeiro martes día 11, ambos incluídos. A intervención desenvolverase tamén en fin de semana.
En concreto, levarase a cabo o corte da calzada dereita da AG-11 na saída 19 da autovía, no enlace Taragoña sentido Ribeira. Neste caso, e para facilitar a accesibilidade do tráfico, abrirase transfer e circularase pola calzada esquerda da autovía.
Este corte parcial é necesario para acadar unha maior seguridade dos usuarios da autovía e dos traballadores da obra e para poder avanzar nos traballos de acondicionamento de firme da AG-11.
As actuacións de reforzo de firme na autovía do Barbanza faranse por tramos de aproximadamente 4 km, co obxectivo de garantir en todo momento a continuidade da circulación. Para acometer os traballos de acondicionamento de firme executaranse cortes parciais de calzada en ambas as marxes da autovía, de forma progresiva e sectorizada, alternando os sentidos de circulación en función das necesidades derivadas dos traballos.
Para iso habilitaranse os correspondentes transfers de tráfico, adaptados ás diferentes fases de obra e ás condicións de execución. Durante os traballos na calzada esquerda, o tráfico correspondente a ambos os sentidos de circulación canalizarase pola calzada dereita, investíndose esta disposición cando os traballos se desenvolvan na calzada dereita.
Os puntos de transferencia entre calzadas serán debidamente sinalizados e balizados, mediante os correspondentes pasos de mediana.
Con esta nova actuación da Xunta, trátase de intervir nos algo máis de 40 quilómetros da AG-11, incluíndose nas actuacións a acometer a renovación do firme existente en tronco e enlaces, con actuacións puntuais de reparación e renovación da capa de rodaxe.
O contrato, adxudicado por máis de 10,5M€, inclúe tamén a revisión do estado da sinalización horizontal e substitución da mesma en caso de ser necesario; a Instalación dos elementos necesarios de balizamento en todo o tramo; así como a renovación das xuntas de dilatación das estruturas do tronco presentes no tramo.
Tamén se prevén dúas actuacións complementarias a maiores, que redundan na mellora da seguridade viaria na autovía do Barbanza.