O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, coñeceu as actuacións integradas na iniciativa, que conta cunha achega autonómica superior aos 290.000 euros
A Xunta impulsa melloras nas instalacións deportivas municipais de Vilanova de Arousa no marco do apoio a proxectos estratéxicos
As obras céntranse no pavillón multiúsos, coa renovación da cuberta e a ampliación do almacén, e nos campos de fútbol de Corón-Caleiro e Monte da Lomba, en San Miguel de Deiro, nos que se está a renovar o céspede artificial
A orde de axudas deste ano incrementa o orzamento ata os 10M€ no marco das achegas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 4 de agosto de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, coñeceu hoxe en Vilanova de Arousa as melloras impulsadas en diversas instalacións deportivas co apoio da Xunta, no marco da convocatoria destinada a proxectos estratéxicos do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local. A iniciativa presentada por este concello conta cunha achega autonómica superior aos 290.000 euros, a metade do custo total, presupostado en máis de 581.000 euros.
As actuacións céntranse no pavillón multiúsos municipal e nos campos de fútbol de Corón-Caleiro e Monte da Lomba, en San Miguel de Deiro. Así, no pavillón vaise substituír a cuberta completa para eliminar filtracións e condensacións, e vaise ampliar o almacén, mentres que nos campos de fútbol xa se está a traballar na renovación do céspede artificial.
O Goberno galego quere deste xeito contribuír ao mantemento, modernización e funcionalidade das infraestruturas deportivas municipais, co obxectivo de facilitar a práctica do deporte entre a poboación nas mellores condicións de seguridade e benestar.
Segundo sinalou Diego Calvo, esta actuación forma parte da vintena de proxectos de carácter estratéxico apoiados pola Xunta na convocatoria de 2025, que se sumaron a outros 20 financiados o exercicio anterior. En cada unha das dúas anualidades, o orzamento superou os 8 millóns de euros, o que supuxo un investimento acumulado en dous anos de máis de 16 millóns de euros en case 40 proxectos estratéxicos nos municipios da comunidade. A importancia desta medida, posta en marcha en 2024, levou ao Goberno galego a aumentar a dotación deste ano ata os 10 millóns de euros.
Ademais do proxecto visitado hoxe, Vilanova de Arousa resultou beneficiaria destas axudas a través doutras dúas propostas presentadas pola Mancomunidade do Salnés, da que forma parte. Trátase das melloras na estación de tratamento de auga potable situada neste concello e que abastece toda a área, na que a Xunta investiu preto de 430.000 euros en 2024 para garantir a cobertura do consumo e dar resposta ás puntas destacadas pola importancia turística da zona, e da construción dun centro loxístico multiservizos no parque empresarial de Ribadumia, que contou en 2025 cunha achega superior aos 300.000 euros.
O conselleiro incidiu no compromiso da Xunta cos concellos galegos, xa que só o ano pasado o apoio do Goberno galego permitiu impulsar preto dun milleiro de proxectos mediante as diferentes liñas específicas de colaboración coas entidades locais. No caso de Vilanova de Arousa, as achegas relacionadas cos proxectos estratéxicos forman parte dos máis de 2,1 millóns de euros investidos no municipio nos últimos anos a través das distintas medidas de apoio ao eido local.