A Xunta dá luz verde ambiental con condicións á ampliación dunha explotación de vacún en Friol

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que as actuación teñan efectos significativos adversos sobre a contorna sempre que se cumpra co fixado no propio informe ambiental e na documentación avaliada

O proxecto incrementará a capacidade da explotación ata as 382 prazas para gando vacún de leite coa construción dunha corte de xatas, un silo, unha esterqueira e un almacén de forraxe 

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental á ampliación dunha nave de explotación de gando vacún de leite no concello de Friol, unha autorización supeditada, en todo caso, ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos durante a tramitación. 

Segundo se recolle no informe de impacto ambiental (IIA) da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos derivados da execución do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como na restante documentación analizada e no programa de vixilancia ambiental. 

Neste senso, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos e entidades interesados. 

Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente establecendo unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. 

Así, consideran viable a posta en marcha do proxecto de ampliación sempre que se cumpran as condicións específicas establecidas nos seus respectivos informes con relación á protección da atmosfera e a contaminación acústica; os olores; as emisións contaminantes; o solo e as augas ou a xestión de residuos, entre outros. 

A maiores, o documento inclúe tamén condicións para a protección ante accidentes graves ou catástrofes e a exixencia de que, antes da finalización da vida útil das instalacións, deberá remitirse un informe ao órgano substantivo -neste caso, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias- que conteña todas as actuacións previstas para, se é o caso, proceder ao desmantelamento e abandono das instalacións. 

Unha vez emitido o presente IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver a ampliación, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e nos próximos días daráselle publicidade a través do anuncio no Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería. 

Descrición da actuación

A explotación de vacún de leite obxecto deste informe de impacto ambiental atópase no lugar de Bidueiro, na parroquia de Santo Mamede de Nodar, concello de Friol, nunha contorna que destaca pola presenza de parcelas agrícolas dedicadas a pasto e outros cultivos forraxeiros e núcleos poboacionais de pequenas dimensións. 

A ampliación proxectada, promovida por SAT Os Carris 1253 XUGA, implicará novas construcións e instalacións que permitirán acadar unha capacidade de 382 prazas. En concreto, prevese a construción dunha corte de xatas, un silo, unha esterqueira e un almacén de forraxe, todo isto nunha superficie de 22.659 metros cadrados. 

Data de actualización: 05/08/2026