Medio rural reforza a súa aposta pola transformación e comercialización de produtos agrarios
A Consellería publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se amplía a dotación orzamentaria destas axudas en 4 millóns de euros
En total, o investimento desta convocatoria ascende a uns 23 millóns de euros a través de dúas liñas de subvención para aumentar o valor das producións agrarias e para inversións con obxectivos ambientais
Desde o ano 2016, o Goberno autonómico destinou 195 millóns de euros para financiar máis de 600 proxectos de mellora industrial
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2026
A Consellería do Medio Rural fortalece a súa aposta pola transformación e comercialización de produtos agrarios para apoiar ao sector. Por iso, hoxe publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a ampliación da dotación orzamentaria destas axudas para investimentos en materia de transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
En total, a convocatoria destas axudas supera os 23 millóns de euros, debido a este incremento de orzamento. En concreto, a liña para aumentar o valor das producións pasa de 11 a 15 millóns de euros, á que por primeira vez se suma outra dirixida a financiar con obxectivos ambientais, dotada de 7,9 millóns de euros.
Os beneficiarios destas axudas son os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto destas axudas. Con elas, poderanse financiar inversións para a construción e reforma de inmobles, así como para a compra de maquinaria, equipamentos novos ou programas informáticos, entre outros.
Apoio por parte do Goberno
O Goberno galego destinou 195 millóns de euros desde o ano 2016 para financiar máis de 600 proxectos de mellora industrial. Os sectores que teñen máis peso nestas aportacións son o lácteo e o cárnico, que abarcan a metade dos proxectos subvencionados.