A Xunta impulsa o deporte en Viveiro co apoio a actividades que contribúen á dinamización turística da vila
Viveiro (Lugo), 5 de agosto de 2026
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, destacou hoxe o apoio da Xunta a dúas das citas deportivas máis relevantes do verán en Viveiro, o Memorial de fútbol Luis de Carlos e a regata provincial de piragüismo, que se disputan estes días. Xunto á alcaldesa do municipio, Mariña Gueimunde, o delegado sinalou que “son eventos que atraen a numerosos deportistas e visitantes, e complementan a oferta de Viveiro reforzando a súa imaxe como destino de turismo deportivo”.
Villares asistiu no estadio de Cantarrana “Kiko Rey” ao primeiro encontro do Memorial de fútbol, que enfrontou ao RC Deportivo Fabril e o Real Madrid Castilla; o torneo pecharase co partido entre este último e o Racing Club Ferrol o próximo sábado.
Pola súa banda, o 15 de agosto celebrarase a IV Regata da copa provincial de piragüismo, organizada polo Club de Piragüismo de Viveiro e a Federación Galega de Piragüismo e que conta coa colaboración do Goberno galego. Ao respecto, lembrou que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes asigna este ano á Federación mediante convenio 484.352 euros para gastos de funcionamento e para a organización de actividades deportivas, entre outros conceptos.