Educación facilita que titulados universitarios en desemprego cursen un máster para completar a súa formación e mellorar a súa empregabilidade
Desde hoxe e ata o 6 de outubro permanecerá aberto o prazo para tramitar as solicitudes de axuda a través da sede electrónica da Xunta
A Xunta destina 75.000 euros a esta convocatoria coa que tamén se busca favorecer a especialización académica ou profesional que mellora o acceso ao mercado laboral
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia facilita que os titulados universitarios en situación de desemprego poidan cursar un mestrado universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia durante o curso 2026/27.
Para tal fin, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP convoca unha liña de específica de axudas, dotada con 75.000 euros, que ten como obxectivo favorecer a especialización académica e profesional das persoas tituladas que se atopan sen emprego, contribuíndo así a mellorar a súa empregabilidade e as súas posibilidades de incorporación ao mercado laboral.
Tal e como publica o Diario Oficial de Galicia, desde hoxe ata o día 6 de outubro permanecerá aberto o prazo para presentar as solicitudes, que deberán tramitarse exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
As axudas cubrirán o importe das materias matriculadas por primeira vez, ata un máximo de 60 créditos, de acordo cos prezos públicos establecidos para o curso 2026/27. Deste xeito, os beneficiarios, poderán recibir entre un mínimo de 591 euros e un máximo 835,8 euros, en función do mestrado cursado.
Poderán solicitalas as persoas que rematasen os estudos universitarios que lles dan acceso ao mestrado antes do 30 de setembro de 2025, estean en situación de desemprego e se matriculen por primeira vez nun mestrado universitario oficial de 60, 90 ou 120 créditos impartido por unha das universidades do Sistema universitario de Galicia. No caso dos mestrados de 120 créditos, as persoas beneficiarias que xa obtivesen esta axuda para o primeiro curso poderán solicitala novamente para financiar os 60 créditos restantes.
Criterios de prioridade
A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva e terán prioridade as persoas con maior antigüidade como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. Como criterio de desempate terase en conta a maior antigüidade na obtención da titulación universitaria que dá acceso ao mestrado.
Esta convocatoria enmárcase no conxunto de medidas impulsadas pola Xunta de Galicia para facilitar o acceso aos estudos universitarios e promover a igualdade de oportunidades. A través de accións pioneiras como a matrícula gratuíta para os estudos de grao universitario e as distintas liñas de bolsas e axudas ao estudo, o Goberno galego continúa apoiando ao alumnado en todas as etapas educativas e reforzando a formación especializada como ferramenta para favorecer o emprego de calidade e a retención do talento en Galicia.
O curso pasado beneficiáronse desta convocatoria un total de 86 persoas en situación de desemprego.