Medio Rural e o Concello de Bóveda abordan novas vías de colaboración para poñer en valor o sector agroalimentario

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Bóveda, José Manuel Arias

No encontro avaliouse dar continuidade á colaboración na Feira Outrora e explorar novas iniciativas vinculadas á formación, transformación e promoción das producións agroalimentarias

Bóveda (Lugo), 7 de agosto de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, para abordar novas vías de colaboración destinadas a poñer en valor o sector agroalimentario e aproveitar as oportunidades que ofrece para xerar actividade económica e emprego no territorio.

Neste sentido, durante o encontro abordouse a importancia de seguir avanzando na valorización das producións agroalimentarias, tendo na calidade diferenciada unha ferramenta estratéxica para incrementar o seu valor engadido, reforzar a súa vinculación coa orixe e favorecer que unha maior parte da riqueza que xeran permaneza no territorio.

Nesta liña, analizáronse posibilidades de colaboración que abranguen diferentes ámbitos da cadea de valor, desde a formación e a mellora das capacidades das persoas vinculadas ao sector ata a transformación e valorización das producións e a súa posterior promoción e achegamento aos consumidores.

No ámbito da promoción, avaliouse dar continuidade á cooperación na organización da próxima edición da Feira Outrora, unha cita que se celebra cada mes de xullo na localidade e que permite poñer en valor a gastronomía, as tradicións e os produtos agroalimentarios galegos. Precisamente, na edición deste ano desenvolvéronse diferentes accións de promoción e degustación de produtos amparados por selos de calidade diferenciada, achegando aos asistentes alimentos que ofrecen garantías de orixe, autenticidade e calidade.

Desde a Axencia Galega da Calidade Alimentaria apóstase por unha visión integral do sector agroalimentario, na que formación, transformación, calidade diferenciada e promoción actúen de maneira complementaria para conseguir producións con maior valor e novas oportunidades económicas no rural.

A colaboración coas entidades locais permite, ademais, adaptar estas iniciativas ás potencialidades e necesidades de cada territorio, contribuíndo a fortalecer o tecido produtivo, favorecer o emprendemento e consolidar actividade económica e emprego no medio rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2026