A Xunta convoca as axudas para a creación de cinco novas casas niño no rural galego
O Goberno galego inviste máis de 300.000 euros na posta en marcha destes recursos que permitirán chegar ás máis de 530 prazas destas características
Santiago de Compostela, 12 de agosto do 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria de axudas para a creación de cinco casas niño. O obxectivo da Xunta é continuar reforzando a rede de recursos destinadas a atención da primeira infancia, especialmente, nas zonas rurais. O prazo de solicitude estará aberto desde mañá, 13 de agosto, ata o vindeiro 14 de setembro.
A Xunta inviste máis de 300.000 euros para poñer en marcha cinco novos servizos de atención a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos nos concellos do rural galego. Con esta nova convocatoria, Galicia sumará máis de 530 recursos destas características, que están operativos once meses ao ano e oito horas ao día. Nestes momentos, hai un cento de casas niño na comunidade e o investimento do Goberno galego ascende xa a máis de 13,5 millóns de euros.
Con esta nova orde dáselle continuidade ás medidas impulsadas pola Xunta para favorecer a conciliación das familias, como a gratuidade da educación infantil 0-3, e que sitúan a Galicia como unha comunidade referente nesta materia; ou o Bono Concilia Familia, unha achega económica directa para contribuír a sufragar os custos dos servizos de atención nos períodos non lectivos.