O delegado da Xunta en Ourense, visitou en Pontedeva un destes recursos creado no ano 2022 polo Goberno galego

Manuel Pardo lembra que a Xunta ten aberta a convocatoria de axudas para a posta en marcha de novas casas niño no rural

O delegado destacou que a través desta nova convocatoria, na que a Consellería de Política Social e Igualdade inviste máis de 300.000 euros para a creación de cinco casas niño, prestaranse servizos de atención da primeira infancia a máis de 530 nenos e nenas de entre 0 e 3 anos en Galicia

Durante a visita, representante do Goberno galego insistiu na importancia que teñen estes servizos tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornas rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais

O prazo para a presentación de solicitudes para os interesados estará aberto ata o vindeiro 14 de setembro

Ourense, 27 de agosto de 2026

O delegado da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Pontedeva para, acompañado do alcalde, Juan Carlos González, visitar a casa niño Raíces e Brotes, onde lembrou que a Xunta ten aberta a convocatoria de axudas para a posta en marcha de cinco casas niño ata o vindeiro 14 de setembro, co obxectivo de seguir reforzando a rede de recursos destinados á atención da primeira infancia, especialmente, nas zonas rurais.

Manuel Pardo destacou que a través desta nova convocatoria, na que a Consellería de Política Social e Igualdade inviste máis de 300.000 euros, prestaranse servizos de atención a máis de 530 nenos e nenas de entre 0 e 3 anos en Galicia, operativos once meses ao ano e oito horas ao día, e que permiten que os pequenos reciban atención gratuíta sen ter que abandonar a súa contorna.

Durante a visita, o representante autonómico sinalou que cada un destes servizos pode atender ata cinco nenos en concellos con menos de 5.000 habitantes. Nesta liña, concretou que, actualmente, hai un cento de casas niño na comunidade e o investimento do Goberno galego ascende xa a máis de 13,5 millóns de euros.

Insistiu o delegado na importancia que teñen estes servizos tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornas rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais. Neste sentido, apuntou que o Goberno galego aposta por estes recursos que nacían no ano 2016 coa intención de fomentar a igualdade de oportunidades entre territorios e entre as familias que viven nunha cidade e as que viven no rural.

Para concluír, Manuel Pardo remarcou que con esta nova orde de axudas dáselle continuidade ás medidas impulsadas pola Xunta para favorecer a conciliación das familias, como a gratuidade da educación infantil 0-3, e que sitúan a Galicia como unha comunidade referente nesta materia; ou o Bono Concilia Familia, unha achega económica directa para contribuír a sufragar os custos dos servizos de atención nos períodos non lectivos.

Casas niño na provincia de Ourense

A rede de casas niño na provincia ourensá consta actualmente de 49 recursos distribuídos nos concellos de Amoeiro, Baños de Molgas, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño (2), Castrelo do Val (2), Cenlle, Cortegada (2), Cualedro, Entrimo, A Gudiña, O Irixo, Larouco, Laza (2), Leiro, Lobios (2), Manzaneda, Maside (2), A Mezquita, Montederramo, Monterrei (3), Os Blancos, Padrenda, Petín, Piñor, Pontedeva, Porqueira, Punxín, Rairiz de Veiga, San Amaro, Sarreaus, Taboadela, Trasmiras, A Veiga (2), Verea, Vilar de Barrio, Vilardevós (2) e Xunqueira de Espadanedo (2).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/08/2026