Na sinatura do acordo de colaboración con Vegalsa-Eroski

O comisario do Xacobeo 2027 destaca a importancia da alianza co tecido empresarial para ampliar o alcance da celebración do Ano Santo

A empresa de distribución alimentaria incrementa máis do 10% a colaboración do último Xacobeo, achegando nesta edición un millón de euros

A Coruña, 2 de setembro de 2026

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, e o director xeral de Vegalsa-Eroski, José Manuel Ferreño, asinaron hoxe, na sede central da compañía en A Coruña, un convenio de colaboración polo que a empresa galega de distribución alimentaria se converte en aliada estratéxica e patrocinadora oficial do Xacobeo 2027.

Trala sinatura do acordo, Marcos Gómez Román subliñou que a  colaboración permitirá impulsar a promoción, divulgación e desenvolvemento do Xacobeo 2027, así como diferentes actividades da súa programación, tanto deportivas e lúdicas como culturais, musicais e escénicas. Ademais, salientou que esta cooperación público-privada permitirá incrementar expoñencialmente o impacto social desta celebración.

O acordo dá continuidade á colaboración de Vegalsa-Eroski co Xacobeo, que se remonta ás edicións de 1999, 2004, 2010, 2021 e 2022. Co novo convenio, incrementa en máis dun 10% a súa colaboración destinando entre 2026 e 2028 un total de un millón de euros.

Marcos Gómez Román destacou a importancia de sumar o tecido empresarial á celebración do Ano Santo. “Desde a Xunta de Galicia impulsamos a celebración dun Xacobeo máis participativo que inclúa a toda a sociedade galega: administracións, empresas, asociacións, promotores culturais, entidades sociais e a cidadanía”, sinalou.

O comisario subliñou tamén que “a colaboración público-privada no desenvolvemento do Xacobeo 2027 resulta fundamental pola súa implicación na celebración deste evento, repercutindo de forma moi positiva en todo o territorio”.

Ademais, Marcos Gómez Román salientou a dimensión económica e internacional do Ano Santo lembrando que “desde a Xunta tamén entendemos o Xacobeo 2027 como un motor económico a longo prazo, fomentando un modelo estable e sostible, con efectos económicos e promocionais que se prolonguen en 2028”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2026