Así o destacou no Parlamento de Galicia o xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa

As medidas propostas pola Xunta ao Ministerio de Sanidade permiten acadar un novo récord histórico no sistema sanitario galego, que este ano forma en torno a 670 novos residentes

A aplicación dos cambios solicitados por Galicia, como a eliminación da nota de corte ou o proceso extraordinario para a cobertura de renuncias, permitiu reducir ao mínimo as prazas baleiras

Cos novos profesionais, Galicia conta actualmente con preto de 2.300 residentes en formación

A comunidade ofertará 24 prazas de Medicina de Urxencias e Emerxencias na convocatoria 2026-2027, o que supón case o 9 % do total nacional

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2026

O xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, destacou esta mañá no Parlamento de Galicia o acertado das medidas propostas pola Xunta ao Ministerio de Sanidade para optimizar o sistema de Formación Sanitaria Especializada, unhas recomendacións cuxa aplicación permitiu acadar un novo récord na oferta formativa da comunidade galega, que este ano conta con arredor de 670 prazas de novos residentes.

Durante a súa intervención na Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, o responsable autonómico salientou que esta oferta de formación sanitaria especializada representa un incremento do 5 % respecto do anterior exercicio, ao rexistrarse un incremento de 29 prazas, respecto 2025. Así, precisou que cos novos profesionais, Galicia conta actualmente con preto de 2.300 residentes en formación.

Fernández Campa remarcou que estes bos resultados son o froito da rectificación do Ministerio de Sanidade, quen rematou por aplicar as medidas que Galicia viña reclamando desde hai anos e que posibilitou reducir o número de prazas baleiras que rexistraba o Sistema Nacional de Saúde.

“A incorporación no procedemento das cuestións que viñan sendo solicitadas desde Galicia desde hai varios exercicios, non fai senón darnos a razón”, incidiu o xerente da ACIS.

Entre os cambios solicitados pola Xunta, lembrou a importancia de eliminar a nota de corte, a volta á elección de prazas en tempo real e non de xeito telemático, ou a implantación dun proceso extraordinario que permitise cubrir boa parte das renuncias que adoitan producirse. Neste último caso, a eficaz xestión galega posibilitou a cobertura de 228 das 441 renuncias rexistradas en toda España, así como de 23 das 36 prazas formativas que quedaran vacantes, inicialmente, no proceso ordinario.

Finalmente, subliñou que as propostas realizadas pola Xunta sobre a necesidade de reformar o sistema de homologación dos títulos médicos, e co obxectivo de dar celeridade aos seus trámites administrativos, permitiu pasar das 8.865 homologacións do ano 2024, ata as 30.303 que se resolveron favorablemente en 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2026